A oposición critica a "política eólica depredadora" da Xunta, que matiza: "Só se aproban os parques con garantías"

As recentes sentenzas xudiciais —dúas nos últimos tres meses— contra a autorización por parte da Xunta dos proxectos eólicos O Iribio e Roncudo puxo contra as cordas o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, que insistiu en que o Goberno galego "só autoriza" os parques "con todas as garantías técnicas, xurídicas e ambientais".
O repotenciamento do parque eólico de Corme botou as últimas habitantes de Candelago (Foto: Nós Diario).
photo_camera Parque eólico de Corme, cuxo proxecto de repotenciación vén de tombar o TSXG (Foto: Nós Diario).

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, subliñou na súa intervención parlamentaria desta cuarta feira que a Xunta "só autoriza" os proxectos eólicos que cumpren "todas as garantías técnicas, xurídicas e ambientais".

Así se pronunciou en resposta a senllas preguntas formuladas no pleno da Cámara por Luís Bará (BNG) e Noelia Otero (PSdeG) sobre o desenvolvemento do sector eólico na Galiza. Na súa quenda, Conde sinalou que o obxectivo da moratoria de ano medio e medio estabelecida pola Administración galega é avaliar os 275 expedientes presentados até o de agora coas "máximas garantías".

"Todos os proxectos que se tramitan na Galiza axústanse á normativa e só se autorizan aqueles que cumpren con todas as garantías técnicas, xurídicas e ambientais", incidiu. Aliás, co gallo de reforzar a "compatibilidade" coa protección do medio ambiente e as actividades do sector primario, lembrou que a Xunta propuxo unha nova limitación na distancia dos aeroxeradores A respecto dos núcleos rurais, urbanos ou urbanizábeis, pasando dos 500 metros actuais a cinco veces a altura total do muíño.

Xunto con isto, sinalou que se están a impulsar diferentes ferramentas para achegar información aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas, como a rede de información provincial de proxectos eólicos, a Guía divulgativa da tramitación dun proxecto eólico ou a Oficina de información a propietarios de terreos —para informar sobre métodos e criterios de valoración—, así como a normativa aplicábel para a clasificación e cualificación do solo.

No caso concreto do parque eólico de Corme (Ponteceso), Conde destacou que a sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que anula a súa repotenciación por reducir á metade o prazo para consultar o informe de impacto ambiental e presentar alegacións "non é firme", e que "na Galiza a última palabra tena sempre a lexislación e a normativa".

Aliás, o conselleiro sostivo que a repotenciación permitiu mudar 61 aeroxeradores antigos por outros sete máis modernos e eficientes sen aumentar a potencia, o que supón unha redución de case 90%, co "correspondente beneficio ambiental e paisaxístico".

Críticas da oposición

Na sesión plenaria, o deputado do BNG Luís Bará lanzou unha pregunta a Conde: "Que máis ten que pasar para que o PP pare definitivamente a súa política eólica depredadora para favorecer as grandes empresas eléctricas?".

O parlamentario aludiu, en concreto, ás irregularidades detectadas pola Xunta e a documentación da empresa concesionaria do proxecto eólico dos Cotos, en Cerdedo-Cotobade, e salientou tamén a sentenza do TSXG sobre o parque do Roncundo —o de Corme—, que cualificou de "contundente" por determinar que o Goberno do PP "vulnerou as directivas comunitarias e lexislación ambiental".

Sobre este proxecto, Francisco Conde trasladou unha "mensaxe de tranquilidade e confianza" e afirmou que,  detectado o erro da promotora na relación de bens e dereitos afectados, xa se abriu de novo o prazo de información pública para a presentación de alegacións. E remarcou que a súa aprobación dependerá exclusivamente de se se axusta ao que di a lei do que digan todos os órganos consultados, incluído o propio concello.

Cómpre lembrar, a este respecto, que o fallo pronunciado —tamén polo TSXG— en outubro pasado en relación ao parque eólico do Iribio concluíra que as empresas eólicas "ampáranse" no "baleiro legal" da lexislación ambiental galega.

Pola súa parte, Noelia Otero (PSdeG) censurou o "fracaso" da política enerxética da Xunta, que considerou que se caracteriza polas "improvisacións lexislativas" realizadas de "forma unilateral" e que só xeran "divisións e inseguridade xurídica" entre os diferentes actores implicados.

Comentarios