As empresas inmobiliarias urxen a Xunta a negociar coa Sareb a cesión de vivendas baleiras

A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) considera que esas propiedades poderían conformar o parque de casas e pisos de carácter social para as e os galegos con máis necesidades. O presidente da institución, Benito Iglesias, revela que estiman que 1.230 bens do país en mans do tamén chamado 'banco malo' están rematados e xa se podería vivir neles.
Protesta para que as vivendas da Saren pasen a ser públicas en Madrid. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera Protesta para que as vivendas da Saren pasen a ser públicas en Madrid. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O incremento da desigualdade social e da necesidade na Galiza derivado da crise do coronavirus require medidas urxentes para axudar a moitas familias. Por iso, a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein) vén de instar á Xunta a que negocie coa Sociedade de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) -tamén coñecida como banco malo- para que ceda más de 1.200 vivendas baleiras e listas para entrar a vivir no país.

O presidente de Fegein, Benito Iglesias, destaca que é "urxente" contar cun parque de vivendas sociais para atender a demanda existente e o colectivo considera que esa sería a opción máis rápida e xusta nestes momentos.

A Federación estima que a Sareb conta con 2.734, das que polo menos "o 45% pertencen ao FROB, é dicir, ao Estado e a todos nós". Malia que moitas propiedades están abandonadas mesmo na estrutura de ladrillo, Iglesias subliña que "máis do 60% están finalizadas". Por iso, solicitan ao Goberno de Alberto Núñez Feixoo que faga presión para que poñan a disposición da cidadanía "1.230 vivendas", que terían que entrar "nun plan de choque" social.

Como sector inmobiliario non pode exercer como interlocutor da Xunta, pero o organismo si fixo estudos e sabe que a maioría do parque de pisos e casas está concentrado nas áreas da Coruña e Pontevedra e nas outras grandes cidades atlánticas, así como nalgúns municipios costeiros.

Alugueiros e operacións de compra máis económicas

Esta iniciativa coincide no tempo coa publicación dun informe da entidade sobre o peso do arrendamento na Galiza. Segundo o mesmo, houbo unha notábel migración das ventas cara o pago mensual pola casa. No entanto, Fegein tamén detecta que baixou "a oferta en municipios medianos e pequenos".

Gran parte da oferta e da demanda están nas cidades, polo que en Vigo este tipo de réxime representa case un terzo dos fogares, ao igual que sucede na Coruña.

En Ourense, Compostela, Lugo e Ferrol a porcentaxe sitúase por enriba do 20% do total, mentres que en Pontevedra limítase a un 16%. Neste contexto, resalta que "é necesario cambiar o rumbo da política pública de vivenda para que vaia cara o alugueiro, despois de que durante décadas se concederan axudas e incentivos para a compra".

En calquera caso, a patronal conta con outro informe das transaccións que sitúa no mapa da Galiza os 24 fogares máis económicos e en bo estado que se poden atopar no mercado actual. Os mellores prezos atópanse na comarca de Ferrolterra, con pisos desde 22.000 euros en barrios como Caranza. Outra opción sería trasladarse a Monforte de Lemos ou á Mariña lucense, onde hai activos por debaixo dos 30.000 euros.

"O tipo medio destas propiedades nas cidades galegas son de pisos sen ascensor e con máis de 25 anos de antigüidade", aclaran. En total habería preto dunhas 3.300 vivendas "en bo estado, é dicir, para entrar a vivir cunha reforma menor nun rango de prezo máis económico que non supere os 60.000 euros".

Comentarios