A construción busca man de obra após ser un dos sectores menos afectados pola crise na Galiza

O sector postúlase como unha das “cabezas” para dirixir a recuperación despois da pandemia porque seguiu traballando con relativa normalidade durante todo o ano 2020. No entanto, representantes do mesmo tranquilizan á poboación avisando de que non queren ir cara un novo 'boom' senón traballar cunha carteira de encargos estábel, xa sexa no ámbito inmobiliario ou na obra pública.
Unha vivienda unifamiliar en construcción no concello de Culleredo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Unha vivienda unifamiliar en construcción no concello de Culleredo. (Foto: Nós Diario)

O comercio, a hostalaría, os negocios vinculados ao turismo, os de organización de eventos, a produción industrial en diversos ámbitos e, mesmo a sanidade -entendendo como afección a sobrecarga de traballo-, son sectores que se viron afectados en maior ou menor medida pola crise derivada da chegada do coronavirus a Galiza. Porén, hai un ámbito de traballo que non só non sufriu tanto esta recesión económica senón que ten que procurar man de obra e pode converterse nun espazo que asuma a parte das e dos desempregados que deixou a Covid-19.

Representantes de distintas vertentes da construción recoñecen e ofrecen o sector como posíbel maquinaria para arrancar de novo a economía do país unha vez se supere total ou parcialmente a pandemia ou, cando menos, os seus efectos máis negativos no mundo empresarial.

O presidente da Federación Galega da Construción e da Fundación Laboral da Construción, Diego Vázquez Reino, recoñece que mentres “toda a economía estaba sometida á Covid, se hai un sector que salvou os mobles e mesmo contratou máis persoal ese é a construción”.

Lembra que estiveron parados “menos de 15 días” cando en abril se ordenou o paro completo, pero como a “inversión pública se mantivo, se incentivou, e a vivenda seguiu tirando” chegou un momento no que precisan máis que nunca man de obra cualificada.

A necesidade non é nova, pero nesta pandemia quedou máis clara porque as empresas galegas precisaron contratar e non tiveron todas as opcións que lles gustaría. De feito, a Fundación Laboral que preside Vázquez Reino é un “vehículo formador” porque agora non se entra na obra da mesma maneira que antes, como aprendices.

Un espazo no que facer carreira

A construción mudou desde 2008 e tamén as necesidades pero, segundo interpretan, a xente ten desconfianza de buscar o sustento nesa profesión.

“Queremos que a xente moza saiba que é unha dedicación boa e das que teñen mellores soldos”, destaca o representante, que insiste en que poden absorber moitas paradas pero sempre con bases en “riscos laborais”, coñecemento de cada posto en concreto... Pero calquera pode readaptar a súa carreira a este mundo. Non lle fechan as portas a ninguén.

Non só fai falla lembrar que é un dos sectores que ofreceu (e segue a facelo) un emprego máis estábel nesta crise, fronte á desconfianza Vázquez Reino lembra que se fixo unha “transformación” do sector “con moita consistencia”. En consecuencia, foi parecida nas firmas auxiliares que poden ir desde a electricidade á carpintería, pasando pola fontanería e a domótica.

“Queremos que a xente moza saiba que é unha dedicación boa e das que teñen mellores soldos”, destaca o representante

Agora as compañías, sobre todo as pequenas e medianas, controlan moito máis a súa estrutura. Tampouco solicitan un gasto desmedido ás Administracións para subsistir: “Non queremos unha inversión puntual, queremos unha que sexa regular e unha planificación”. Polo de agora contan que as e os traballadores do gremio son dos máis apreciados do Estado español polo seu bo facer.

Carteira diversa

Dado que hai obras activas e os confinamentos déronlle máis valor aos espazos públicos a ollos da cidadanía e que o regreso a vivir a zonas parcialmente rurais para ter un espazo de lecer aberto existen “varios nichos de mercado polo que agardamos ser unha panca de recuperación en calquera proxecto”.

Aliás, están a recuperar “o peso dentro do PIB” da Galiza e non son cifras “artificiais senón consolidadas por esta industria” case con imaxe de marca.

O cambio inmobiliario

Ao falar de subsectores ou dedicacións concretas, a parte inmobiliaria foi das ben paradas desta crise a pesar de que a xente puido quedar sen traballo. A corentena tamén lembrou ás galegas e galegos as bondades do rural ou de ter unha casa con outros espazos para o lecer.

Precisamente fala dos efectos da corentena, que levaron á xente a pensar que “ao mellor non estaban de todo contentos coa súa vivenda e querían máis niveles de confort”.

Por exemplo, o secretario xeral da Asociación de Promotores Inmobiliarios da Coruña (Aproinco), Juan José Yáñez, recoñece que están “favorablemente sorprendidos da resistencia”, tanto da “construción como das vendas”. En todo momento, agás eses días de abril, estiveron edificando e ofertando casas na “absoluta normalidade, sen problemas de subministro” de materiais nin imprevistos doutro tipo.

Yáñez revela que as vendas de “xullo, agosto e, incluso, setembro foron mellores que as dos mesmos meses de 2019”. Precisamente fala dos efectos da corentena, que levaron á xente a pensar que “ao mellor non estaban de todo contentos coa súa vivenda e querían máis niveles de confort”.

Tanto é así que a tendencia é a trasladarse “ao rural, a casas unifamiliares ou con zonas verdes próximas”, se ben non teñen claro se será un comportamento continuado ou puntual. Polo de agora, o que si se fixo é modificar planos que se podían mudar de empresas con promocións en marcha. O obxectivo? Ofrecer “máis xardín ou balconadas”.

Tanto ao Goberno do Estado como á Xunta lle informaron de que se ofrecen como “actividade para a recuperación económica sen volver ao boom”. “Nós non dependemos do turismo, temos autonomía económica e si temos relación con moitas fábricas e servizos”, destaca de cara ao futuro inmediato.

Comentarios