As pegadas do fracaso en Ferrolterra

O Goberno central vén de suprimir o principio de discriminación positiva que estabelecera a mediados da década pasada na política de fomento industrial en zonas sensíbeis que sufriran os efectos da reconversión. A comarca de Ferrolterra era, até o de agora, unha delas. Hoxe xa é un feito a desaparición do criterio territorial e, con ela, rematan perto de tres décadas de plans falidos. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 320 de Sermos Galiza.

[Imaxe: Navantia]
photo_camera [Imaxe: Navantia]

4A reconversión industrial dos anos 80 trouxo consigo unha crise sen precedentes na comarca de Ferrol. Milleiros de traballadores do sector naval, cualificados naquela altura de excedentarios, foron obrigados a marchar para a casa pola esixencia dunha Comunidade Económica Europea que quixo repartir os sectores produtivos con criterios que pouco tiñan a ver coa capacidade.

“Foron tempos moi duros”, lembra Juan Gómez, un dos “excedentes” daquela primeira reconversión. “Botáronnos fóra dun día para outro e moitos de nós non soubemos que facer, estabamos totalmente perdidos”, engade. Lembra este ex traballador de Astano que “algúns, e non  poucos, resistíanse a recoñecer a realidade e seguían indo á primeira hora da mañá á entrada do estaleiro… Coñezo xente que caeu en depresión ou no alcoholismo. Foi un verdadeiro desastre a maneira que tiveron de mandarnos para a rúa”.

O testemuño de Juan é só un dos centos que poderían relatar unha historia repetida, habitual na meirande parte das familias da comarca. O Goberno, entón, propuxo alternativas para tratar de recolocar parte dese excedente en novas industrias con posibilidades de desenvolverse e, de paso, mitigar o peso do sector naval. Así xurdiron os plans da Zona de Urxente Reindustrialización, primeiro, e a Zona Industrializada en Declive, despois. De primeira man viviu eses programas o enxeñeiro e economista Ramón Yáñez, nomeado polo Instituto Nacional de Industria (INI) para a Oficina de Promoción Industrial na División de Construción Naval. Yáñez encargábase, canda outras persoas, de buscar proxectos viábeis para a zona. “Eu vivín esa época dun xeito diferente, pero podo dicirche que a meirande parte dos compañeiros vivírona cun gran desacougo porque ninguén cría naquel momento que fóra do sector naval se ían conseguir alternativas industriais duradeiras. E a xente xa era moi escéptica no sentido de que dar subvencións podía crear empresas de palla por parte de empresarios oportunistas que viñan só polas subvencións”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 320 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios