Pontón acusa á Xunta e ao Estado de deixar morrer o tecido industrial de Ferrolterra

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sostén que ambas Administracións destacan por un "abandono sistemático e continuado" da zona, incluídas as comarcas de Eume e Ortegal. Así se manifestou na súa visita á zona despois da confirmación do fechamento da factoría que Endesa ten nas Pontes.
Pontón durante a rolda de prensa ofrecida hoxe. (Foto: BNG)
photo_camera Pontón durante a rolda de prensa ofrecida hoxe. (Foto: BNG)

"O que precisa Ferrolterra é menos promesas e máis accións". Así de clara foi esta quinta feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na súa visita á zona despois de coñecerse o adeus doutra industria da comarca, o da térmica de Endesa nas Pontes. Desde o seu punto de vista os que están a deixar morrer o tecido produtivo da contorna son quer a Xunta, quer o Goberno central porque a teñen sometida a un "abandono sistemático e continuado".

Pontón, que falou desde Ferrol, após dese anuncio de fechamento da factoría de Endesa nas Pontes, tamén lembrou a situación que se está a vivir co Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que presentou Siemens Gamesa para a planta das Somozas. Ademais, a preocupación das e dos veciños de Ferrolterra, Eume e Ortegal non é nova porque tamén miran con temor o futuro dos estaleiros, algo que en conxunto xa os levou a organizar algunhas mobilizacións.

Con outra concentración a medio preparar na bisbarra, Pontón resumiu o problema en que o equipo de Alberto Núñez Feixoo non ten "unha política industrial para esta zona", nin tampouco "unha estratexia que poida salvar o tecido económico e produtivo".

Porén, tamén culpa ao Executivo do Estado español por levar "décadas practicando unha política sistemática de desmantelamento do sector naval". Neste sentido, lamenta que xa teña "un historial de incumprimento de todas as promesas" feitas á sociedade ferrolá.

"O que precisa Ferrolterra é menos promesas e máis accións, como unha política industrial, proxectos empresariais, recuperar a capacidade da ría como un sector produtivo e completar infraestruturas que son importantes para o futuro desta zona", insistiu tras reunirse con representantes do Bloque dos distintos municipios.

Catro puntos nos que centrarse

Cunha visión máis ampla da situación, remarcou que "o que necesita Ferrol é compromiso político real de todas as forzas" e que estas defendan "o mesmo nos concellos, no Parlamento de Galicia, no Congreso e as institucións europeas". "O que non van valer para nada son as fotos, nin as mesas sociais, nin os anuncios se logo non hai un compromiso real e político para defender á comarca", reflexionou.

Neste momento, se tivese que comezar a artellar políticas para blindar o traballo centraríase en catro ámbitos de actuación: garantir a continuidade da central das Pontes, darlle futuro á factoría das Somozas, buscar carga de traballo para o naval e garantir que o marisqueo na ría vai poder seguir.

Comentarios