O Eixo Atlántico acusa Ethel Vázquez de “difundir novas falsas” sobre o corredor europeo de mercadorías

O secretario xeral da institución, Xoán Vázquez Mao, nega os compromisos que trasladou a conselleira de Infraestruturas á Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) e destaca que o Goberno español é o único con competencias para solicitar que se modifique o trazado aprobado.

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. (Foto: Europa Press)
photo_camera O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, vén de desmentir á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, á que acusou de mentir ao afirmar que difundiu “novas falsas” sobre a suposta inclusión das liñas de ferrocarril A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo-Monforte no corredor europeo de mercadorías.

Ese discurso foi o fornecido pola representante da Xunta nun encontro con representantes da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), mais Vázquez Mao advertiu de que “a única institución” que tería capacidade de pedilo e, polo tanto, conseguilo é o Estado.

Na súa versión, a través dun comunicado, o representante do Eixo manifesta "sorpresa e indignación polo feito de que un membro do Goberno galego faga pública unha información carente absolutamente de verdade".

Así, incide en que as incorporacións ou alteracións só se poden pedir á Comisión Europea a través do Executivo español.

En calquera caso, iso non sería posíbel agora porque, segundo aclara, hai “xanelas” que abre a Comisión para facer modificacións nos proxectos e o próximo prazo para achegar propostas non abre até 2023. Agora non se pode “realizar ningunha solicitude oficial de modificación".

"Improcedente e falso"

Aliás destacou que a Comisión Arco Atlántico, da que supostamente tería falado a conselleira, "non é unha institución pertencente á Comisión Europea, polo que non ten "ningunha competencia" sobre o corredor, senón que simplemente é unha organización de carácter consultivo integrada polas rexións marítimas de Portugal, España, Francia e Irlanda”.

"Polo tanto, vincular o apoio do Arco Atlántico á decisión da Comisión Europea é tan improcedente como falso", resumiu, lamentando a “falta de coñecemento dos mecanismos europeos e das necesidades ferroviarias da Galiza” da responsábel de Infraestruturas do país.

Comentarios