Desleixo da Xunta pon en risco millóns de euros da UE para o rural galego

Máis de 50 millóns de euros de fondos europeos poden esvaerse ao renunciar a Xunta a achegar unha mínima parte que lle correspondería nos proxectos para o rural
photo_camera Imaxe: flickr Circo Ambulante

En sintonía con aquel escritor bretón, Max Jacob, que ao ouvir falar do campo respondía “o campo? Ese sitio onde os polos corren crús?”, o goberno galego parece mirar para o campo como algo xa non do pasado ou alleo, senón mesmo antagónico da Galiza que desexan construir. Froito desa visión ideoloxizada, o desleixo, desinterese ou incapacidade da Xunta están a pór en risco millóns de euros de fondos europeos consignados para o rural da Galiza.

Os fondos europeos abarcan o período 2007-2013 e están sen executar os de 2007 a 2010, algo que podería facese se a Xunta achega ese 20% que lle corresponde

E é que a Galiza está en risco de perder fondos comunitarios xa orzamentados para o período 2007-2013 e con destino ao desenvolvemento do rural. Millóns de euros que poderían seren asignados a proxectos e iniciativas, produtivas máis tamén doutra clase, emanados do tecido do propio rural e dirixidos a crear emprego, servizos e riqueza, afortalando, e máis aínda en tempos de crise, o desenvolvemento de numerosas comarcas do país.

Responsabilidade 

O motivo de que esta importante cantidade de diñeiro (algúns apuntan a máis de 50 millóns de euros) esté a piques de se esvair radica en que a Xunta renunciou, até o de agora, a cumprir coa súa responsabilidade e achegar a parte que lle corresponde para poder executar eses orzamentos europeos. “Pode perderse todo simplemente porque a Xunta non pon o 20% que lle corresponde”, sinalan responsábeis dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR).

“Hai moita demanda desas axudas, a xente que presenta proxectos está disposta a empeñarse para poñer a cantidade que lle corresponde, mais sen a achega da Xunta todo se vén abaixo. É unha tolería. Por non poñer o 20% tírase pola borda o 80%. E nestes tempos!”, lamentan desde grupos de desenvolvemento rural da provincia de Pontevedra.

Visión secundaria

Para un membro do GDR de Terras de Compostela, a lectura de todo o que está a acontecer e que hai un goberno galego “que nin cre nin aposta polo rural. Teno como algo secundario e volta á visión de que o único futuro é o turismo rural”.

 

Comentarios