As denuncias por furtivismo creceron 50% en 2022 e chegaron até as 1.358

Máis de 100 persoas están a ser investigadas por furtivismo.
Ostras comisadas en Ribadeo (Foto: Europa Press).
photo_camera Ostras comisadas en Ribadeo (Foto: Europa Press).

A policía formulou 1.358 denuncias por furtivismo en 2022, o que supón 50% máis das 907 rexistradas en 2021. Estas accións deron como resultado un total de 104 persoas investigadas, neste caso seis menos que o ano anterior.

Entre os principais operativos destaca o chamado 'Salitre', con 16 persoas detidas e a localización dunha depuradora ilegal, con extracción furtiva de vieira e ostra, en Ferrol e Narón.

Tamén o denominado 'Xuntos', que deu lugar a catro persoas investigadas pola extracción furtiva de vieiras e centolas en Ferrol, Mugardos e Narón. Así mesmo, hai 31 investigadas pola extracción furtiva de percebe na costa coruñesa do Portiño, mentres que se comisaron 1.370 quilos de centola nunha depuradora próxima a Ferrol.

Axuda ao sector do xurelo

O ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, anunciou esta quinta feira que a nova secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime, "vai asinar a resolución para as axudas para o sector do xurelo" debido ao paro biolóxico existente pola situación da especie. Unha situación que "afecta moito no caso da Galiza", subliñou Planas.

O BNG pide compensacións á situación da frota galega

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, solicitou esta quinta feira todas as medidas de axuda precisas para a frota afectada polas cotas do xurelo e o paro biolóxico da pesca da anguía no ano vixente.

Rego demandou ao Goberno estatal un “papel activo” para paliar a crise no sector pesqueiro, reclamando á Unión Europea (UE) medidas económicas e aumentando as cotas de xurelo a través do intercambio con outros Estados.

Comentarios