Bruxelas quere vetar a pesca de arrastre no 30% das augas comunitarias en 2030: "É unha gran preocupación para o sector"

A Comisión Europea busca que a prohibición chegue ao 20% en 2024.
O comisario europeo de Pesca, Virginijus Sinkevicius, manterá unha reunión coa Federación estatal de confrarías o 21 de febreiro. (Foto: Claudio Centonze / DPA)
photo_camera O comisario europeo de Pesca, Virginijus Sinkevicius, manterá unha reunión coa Federación estatal de confrarías o 21 de febreiro. (Foto: Claudio Centonze / DPA)

A Comisión Europea quere vetar de forma paulatina a pesca de arrastre até alcanzar o seu obxectivo de que en 30% das augas comunitarias estea prohibida esta arte a partir de 2030. Así se desprende do borrador do Plan de acción para a conservación dos recursos pesqueiros e protección dos ecosistemas mariños que a Comisión Europea presentará no próximo mes de febreiro.

Neste documento, que aínda non é o definitivo e podería estar suxeito a algún cambio, descríbese a pesca de fondo, en concreto o arrastre, como "unha das actividades máis estendidas e daniñas para os fondos mariños e os seus hábitats". Así, as prohibicións está orientadas á pesca de arrastre,  mentres outros tipos de pesca de fondo con métodos artesanais de baixo impacto, como é o caso do palangre ou do enmalle, fican á espera de saber se estarán incluídas no proxecto final.

Neste sentido, Gonzalo Rodríguez, especialista en economía pesqueira da Universidade de Santiago de Compostela (USC), sinala a Nós Diario que "un dos puntos chave será saber se o palangre ou o enmalle estarían afectados, aínda que posibelmente tan só afecte ao arrastre". De todas formas, explica Rodríguez, "seguramente sexa de novo unha desas propostas da Unión Europea (UE) que non teñen en conta o impacto socioeconómico, é dicir, sen ter en conta o impacto nas persoas".

Con esta medida, a Comisión Europea espera vetar os fondos mariños de 20% das augas comunitarias no prazo dun ano, para conseguir esta protección de 30% en 2030. Todo iso despois de que a propia directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da UE, Charlina Vitcheva, confirmase hai unhas semanas en Vigo que a Comisión Europea propón ampliar as áreas mariñas protexidas de 10% a 30% das augas comunitarias para protexer os fondos mariños, en principio, no relativo á pesca de arrastre.

Preocupación no sector

O presidente da Federación estatal de confrarías de pescadores e patrón maior do porto de Burela, Basilio Otero, en declaracións a este xornal, matiza que "aínda hai moito que concretar sobre este borrador de Bruxelas, e precisamos saber en primeiro lugar cal é a porcentaxe de áreas prohibidas polo momento".

"Sen dúbida é unha gran preocupación para o sector, máis cando sabemos como se tomou a decisión sobre os espazos marítimos vulnerábeis, sen acordo científico ningún", apunta Otero. "Estamos avaliando o borrador e aproveitaremos a reunión que teremos co comisario europeo de Pesca [Virginijus Sinkevičius] o próximo 21 de febreiro para trasladarlle a nosa valoración", acrecenta o patrón maior.

"Damos por feito que vai haber novas zonas prohibidas con este borrador", afirma, ao tempo que explica que aínda está pendente de ter manter conversas ao respecto coa representación dos Executivos do Estado español e da Galiza. "É necesario que dunha vez por todas a UE acometa un estudo rigoroso e deixe de pospor a análise dos resultados científicos", denuncia. "Estase atrasando a revisión do regulamento e a situación non é boa, por sorte a partir de marzo poderemos traballar en zonas menos profundas, mais hai preocupación polo próximo inverno", sinala.

"A rendibilidade no palangre de fondo baixou máis de 30%"

Sobre as consecuencias da prohibición da pesca de fondo e 87 zonas do Atlántico a partir dos 400 metros, Basilio Otero explica que o sector "está levándoo moi mal". "A baixada da rendibilidade nas embarcacións do palangre de fondo é moi grande, superior a 30%", di. "Temos un problema tamén coas localizacións, sobre todo nun par de zonas nas que chegan avisos desde Madrid de que estamos en zona prohibida cando non é así", acrecenta.

Comentarios