A débeda pública galega marca un novo récord: 10.641 millóns de euros

Incrementou un 2,56% no primeiro trimestre e xa supón o 19% do produto interior bruto (PIB) de Galiza.

500 euros diñeiro cartos

A débada pública galega móvese de récord en récord e fechou o primeiro trimestre de 2016 cunha nova marca: 10.641 millóns de euros, un aumento do 2,54%. Os dados do Banco de España apontan que a débeda pública galega supón o 19% do PIB do noso país. A finais de 2015 representaba o 18,6% do produto interior bruto, polo que o aumento nestes meses foi do 0,4%.

Os 10.641 millóns de euros en débeda pública repártense en case 5.000 millóns a longo prazo e 5.700 millóns en empréstitos. Destes, 2.512 millóns de euros corresponden a institucións financeiras, 1.713 con fondo de financiamento do goberno español a autonomías, 396 millóns a asociacións público-privadas e 1.175 millóns co resto do mundo.

A débeda das empresas públicas de Galiza (que non se inclúe na das administracións) é de 30 millóns de euros. Aquí si que houbo unha redución a respeito do trimestre anterior.

Etapa Feijóo

A débeda pública de Galiza bate récords baixo o mandato de Núñez Feijóo. En 2015 supuxo o 110% da débeda pública galega que había en 2009, ano no que o PP retornou á Xunta, e que era de 4.859 millóns. Unha débeda que entón supuña o 8,6% do PIB galego, 10 pontos menos que o que representa na actualidade.

O 2014 xa se despediu deixando unha débeda pública galega a niveis de récord, 9.961 millóns de euros (18% do Produto interior bruto), mais esa cifra foi superada xa no 2015. E no 2016 semella ir por idéntico camiño.

Cada galego soporta unha media de 3.750 euros por débeda autonómica (cifra que se dispara a máis de 9.000 de se lle sumar outros pasivos: do estado, concellos...). Antes da chegada de Núñez Feijóo, esa débeda autonómica per cápita que agora é de 3.733 euros era de 1.756 euros. Dous mil euros menos.

comentarios