Galiza non é país para emprender: a creación de empresas cae dez puntos máis que no Estado

En outubro constituíronse no país 242 compañías.
As sociedades constituídas en outubro subscribiron un capital de 4,66 millóns de euros. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As sociedades constituídas en outubro subscribiron un capital de 4,66 millóns de euros. (Foto: Nós Diario)

No pasado mes de outubro creáronse no conxunto da Galiza 242 compañías, o que se traduce en 12,9% menos que no mesmo período de 2021, segundo os datos publicados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Este descenso sitúa o país moi lonxe da media estatal, xa que no total de España o número de novas sociedades mercantís caeu só 2,7%, até as 7.149 firmas. En concreto, Galiza é o quinto territorio que máis cae, só por detrás de Estremadura (-24,1%), Nafarroa (-20%), Murcia (-18%) e Castela-A Mancha (-16,9%).

Destas 242 empresas, unha era unha sociedade anónima e o resto eran sociedades limitadas. En total, o capital subscrito por estas novas compañías foi de 4,66 millóns de euros.

En outubro disolvéronse 100 compañías galegas, 8,3% menos que no mesmo mes do ano pasado. Este dato sitúa Galiza como o territorio que máis baixa. Pola súa parte, ampliaron capital 75 empresas, con máis de 14 millóns.

A nivel estatal, co descenso de outubro, a creación de empresas volve a taxas negativas logo de que en setembro experimentase un incremento interanual de 3,3%.

Para a constitución das 7.149 empresas creadas en outubro subscribíronse case 192,2 millóns de euros, o que supón 5,8% menos que en igual mes de 2021, mentres que o capital medio subscrito, que se situou en 26.883 euros, retrocedeu un 3,2% interanual.

Á vez que baixou a creación de sociedades, en outubro medrou no Estado a disolución de empresas en 8,8%, tomando como referencia o mesmo mes do ano pasado, até un total de 1.919. Nos dez primeiros meses do ano constituíronse  3% menos de empresas que en igual período de 2021 e desapareceron 9,1% máis de sociedades.

Comentarios