O Goberno estatal ampliará até 2025 a "blindaxe" de empresas estratéxicas

A norma busca evitar OPA en sectores esenciais.
Nadia Calviño, esta segunda feira (Cézaro De Luca / Europa Press).
photo_camera Nadia Calviño, esta segunda feira (Cézaro De Luca / Europa Press).

O Goberno español prolongará dous anos máis, até finais de 2024, a blindaxe a empresas estratéxicas, a popularmente coñecida como escudo 'antiopas', segundo informaron fontes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Unha oferta pública de adquisición (OPA) de accións ou outros valores é unha operación mercantil na que unha ou varias sociedades realizan unha oferta de compra de accións a todas as persoas accionistas dunha sociedade admitida a cotización nun mercado oficial para alcanzar unha participación no capital con dereito de voto da sociedade que sexa significativa.

En 2020, en plena crise pandémica, o Executivo estatal puxo en marcha esta blindaxe co fin de protexer as consideradas empresas estratéxicas tras "o castigo" en bolsa que estaban a recibir.

En novembro do ano pasado, o Consello de Ministros e Ministras ampliou até o 31 de decembro de 2022 a blindaxe para as empresas estratéxicas a través dun real decreto co obxectivo de protexer a seguridade, saúde e orde público, así como garantir a seguridade xurídica deste tipo de operadores económicos.

A medida deixa así en mans do Goberno estatal a autorización de investimentos estranxeiros en empresas estratéxicas cotizadas nas que se pretenda superar 10% do capital, así como naquelas non cotizadas nas que o investimento supere os 500 millóns de euros.

Segundo adiantaron esta segunda feira El País e Cinco Días, introduciranse modificacións para atar o control tamén sobre operacións de activos. Dese modo, o Goberno estatal quere evitar que se poida sortear a norma coa venda por partes dun negocio.

Operacións con intervención do 'escudo antiopas'

O mencionado 'escudo' deixou en mans do Executivo estatal a autorización previa a operacións como a compra de Euskaltel por MásMóvil ou a OPA de IFM a Naturgy, cuxa autorización foi condicionada, entre outras.

Comentarios