Análise

Da cota e o cártel no sector lácteo

O economista Xosé Antonio Pena Beiroa debulla en 'Nós Diario' a cota do sector lácteo.

A marxe na cadea de valor no produto pasa a estar mellor repartida do que nunca estivo, explica o economista. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera A marxe na cadea de valor no produto pasa a estar mellor repartida do que nunca estivo, explica o economista. (Ilustración: Álex Rozados)

No 2015 rematou o longo período de trinta anos no que estivo vixente a cota láctea que seica pretendía asegurar uns prezos altos por cada litro de leite producido e garantir a supervivencia do modelo gandeiro en Europa. Foi un fracaso. Non houbo prezos altos para os produtores, entre outros motivos, porque durante case a metade da súa vixencia a industria pactou prezos, xa que o oligopolio que conforman as empresas transformadoras constituíu un cártel ao efecto.

Xa no 2008 un Estudo sobre o sector do envasado e distribución do leite en Galicia dende o punto de vista da competencia feito pola USC por encargo do Tribunal Galego de Defensa da Competencia, apuntaba á existencia de condutas que podían estar a causar efectos anticompetitivos no sector, polo gran poder negociador da industria transformadora, o que limitaba ou distorsionaba a competencia na oferta ou compra do leite cru afectando aos seus prezos.

Ademais, o 16 de setembro de 2011 tivo entrada na Comisión Nacional da Competencia (CNC) unha denuncia formulada polo sindicato Unións Agrarias contra as empresas transformadoras do leite en Galicia, facendo particular mención á dificultade de atopar empresas alternativas ás que entregar o leite polos produtores. Por mor deses feitos a CNC iniciou unha investigación co fin de determinar a concorrencia de circunstancias que xustificasen o inicio dun expediente sancionador.

Sobre a base da información obtida nas inspeccións domiciliarias realizadas nas sedes das empresas investigadas, a CNC acordou o 23 de xullo de 2012 incoar un procedemento sancionador contra determinadas empresas do sector lácteo por presuntas prácticas prohibidas, consistentes na realización de intercambios de información e/ou acordos para a repartición de mercado e a fixación de condicións comerciais, no mercado de compra de leite cru de vaca.

A conduta ilícita consistía en intercambiar información que permitía coordinar estratexias comerciais en detrimento dos intereses dos gandeiros

Finalmente, o 12 de xullo do 2019 a CNMC multa a varias das empresas da industria láctea pola súa conduta en contra dos dereitos dos gandeiros. A conduta ilícita consistía en intercambiar información que permitía coordinar estratexias comerciais en detrimento dos intereses dos gandeiros, aos que impedían fixar os seus propios prezos. Sancionaba oito empresas e dúas asociacións do sector que operaban no mercado de compra de leite cru de vaca, pola súa actuación entre os anos 2000 e 2013, cunhas sancións de 80,6 millóns de euros.

O mercado obxecto do expediente é o de compra de leite de vaca cru, e o expediente céntrase na relación entre o elo da produción e o da industria transformadora, deixando á marxe a distribución final. O mercado do leite de vaca está conformado polos produtores, que son as persoas físicas ou xurídicas que exercen a súa actividade na produción gandeira e son titulares dunha explotación dedicada á produción láctea destinada á venda. Mentres que os principais compradores son os transformadores, que compran o leite para destinalo fundamentalmente ao seu tratamento ou para transformala noutros produtos lácteos.

Tendo en conta que o prezo medio do leite cru entre 2000 e 2013 foi só de 31,1 céntimos de euro por litro, o expediente da CNMC convértese nunha posibilidade para que o sector poida recuperar da industria unha parte do dano que esta lle ten causado nun período de tempo tan longo. Así o están entendendo os xulgados, que veñen dar a razón aos produtores ao identificar as condutas infractoras como un intercambio de información estratéxica sobre prezos, gandeiros e excedentes de produción durante os anos 2000 a 2014, materializados en acordos de prezos de compra e repartición de aprovisionamento (gandeiros e cooperativas) que constitúen unha práctica prohibida. As sentenzas condenan ás industrias ao pagamento de cantidades por danos emerxentes e por lucro cesante.

Nos once primeiros meses de 2022, o prezo xa chegou aos 44,2 céntimos. En novembro situouse nos 57,65, o duplo que en xaneiro do ano 2016

Non é a única boa nova para o sector. O prezo medio ponderado dos prezos do leite, con datos tirados do Fondo Galego de Garantía Agraria, pasan de só 28,2 céntimos por litro no 2016 aos 33,3 céntimos de media en 2021, medrando nun 18%. Mais o salientábel é que nos once primeiros meses do 2022 xa chegou aos 44,2 céntimos, prezos nunca vistos até o de agora e, se atendemos ao dato do mes de novembro, xa están en 57,65 céntimos, o duplo do prezo de xaneiro do 2016.

A análise non é completa se non se compara co prezo de venda ao consumidor. Pois ben, no mesmo período de sete anos, na distribución, o prezo do leite subiu nun 33%, moito menos que ao produtor. Dedúcese que partindo da premisa de que a distribución non vende a perdas, o que está a pasar é que a marxe na cadea de valor no produto pasa a estar mellor repartida do que nunca estivo e ben poderíamos dicir que se perderon 30 anos de cota láctea para nada, no caso de que a tendencia se manteña.

Comentarios