A contratación cae na Galiza 42,8% máis que no conxunto do Estado

Os servizos sostiveron a baixada do desemprego en novembro, cun descenso de 865 persoas rexistradas no paro neste sector (Foto: M. Dylan / Europa Press).
Os datos de emprego en novembro amosan unha peor evolución do mercado laboral galego con respecto ao do Estado español na totalidade dos indicadores. 

A contratación laboral caeu na Galiza en 9,35% con respecto ao mes anterior, case tres puntos porcentuais por riba do descenso no conxunto do Estado, de 6,55%. O descenso da sinatura de contratos foi polo tanto 42,8% maior na Galiza do experimentado a nivel estatal. 

Esta diminución afectou tanto á contratación indefinida, que se reduciu 16,73%, como á temporal, que diminuíu 5,33%. En total, formalizáronse 63.418 contratos, dos cales 42.891 (67,63%) foron temporais e 20.527 (32,37%) indefinidos.

Por outra parte, a Seguridade Social perdeu na Galiza unha media de 1.093 cotizantes en novembro en comparación co mes anterior (-0,1%), segundo os datos publicados esta sexta feira polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. No conxunto do Estado español a perda de afiliacións foi moito menor, ao ficar en 155 persoas.

A afiliación tamén tivo un comportamento máis desfavorábel na Galiza que a nivel estatal no último ano, pois o número de cotizantes subiu en 12.110 na Galiza durante este período (1,17%), mentres que o incremento da media estatal foi de 2,69%, con 531.273 novas afiliacións nos últimos 12 meses.

Do total de cotizantes na Galiza en novembro, 820.764 corresponde ao réxime xeral, 206.503 son persoas traballadoras por conta propia e 20.341 dedicadas ao mar. O Ministerio tamén informou das persoas traballadoras en ERTE por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción, que se situaron en 2.226 na Galiza.

Baixa o desemprego

O número de persoas rexistradas no paro nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 962 persoas na Galiza o pasado mes de novembro respecto ao mes anterior (-0,67%), até situarse nas 142.758 desempregadas. No último ano, o desemprego na Galiza descendeu en 9.989 persoas, en 6,54%.

Ambas as cifras supoñen un descenso inferior ao do conxunto do Estado español, onde o paro descendeu en novembro e baixou en 33.512 persoas desempregadas en relación ao mes anterior (-1,1%). No último ano o desemprego acumula a nivel estatal un descenso de 301.307 persoas, 9,5% menos.

Do total das persoas desempregadas galegas en novembro, 59.459 son homes e 83.299, mulleres, representando estas 58,3% do total. Por sectores, 101.278 persoas no paro pertencen a empregos relacionados cos servizos, 70,9% do total. Pola súa parte, 3,3% pertencen á agricultura (4.774 persoas); 10,4% son do ramo da industria (14.789 persoas); 7% do sector da construción (9.924 persoas), e 8,4% non tiña emprego anterior (11.993).

Con todo, na Galiza, onde máis baixou o paro foi no sector servizos (865 persoas paradas menos), seguido da industria (227 paradas menos). Pola contra, a agricultura (+23) e a construción (+53) aumentaron o número de persoas desempregadas, así como a poboación que non tivo nunca un emprego (+54).

Reaccións sindicais

O secretario confederal de Emprego da CIG, Francisco González Sío, advertiu que a baixada do paro “non implica que haxa máis emprego” á vista dos datos de afiliación. Con respecto á maior caída no sector servizos, González Sío sinalou que "o que sucede é que os grupos máis precarios, mulleres e xente moza, aínda nunha situación que parece de relativa bonanza vense castigados por igual por un mercado laboral feble”.

Pola súa parte, a secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, mostrou a súa preocupación "pola caída da contratación e a conxelación da afiliación á Seguridade Social que amosan os datos" e por ser "os indicadores peores na Galiza que no conxunto do Estado español".

O secretario de Organización de UXT, José Luís Fernández Celis, afirmou que os datos "constatan que a reforma laboral funciona, pois crece o emprego e a súa calidade". Porén, demandou o representante do sindicato, "precísanse políticas activas máis eficaces para acabar co paro de longa duración".