mércores 22/09/21

O Consello de Administración de Audasa subiu 23% a súa remuneración en 2019

A concesionaria da AP-9 non ten ningunha muller en postos directivos
Autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela (Foto: Arxina)
Autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela (Arxina)

Autoestradas do Atlántico SA (Audasa), a concesionaria da AP-9, presentou as contas correspondentes ao exercicio 2019 a pasada cuarta feira. Non lle foi mal, xa que no período elevou o seu beneficio até os 42,3 millóns, en parte pola subida de 3,5% do prezo das peaxes, polas que ingresou 153,4 millóns de euros o pasado ano

Xunto a este documento, a concesionaria remitiu á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) a información financeira intermedia do segundo semestre do ano e o informe anual de goberno corporativo. Neste último figura un incremento de 23% na remuneración total do Consello, que o pasado exercicio ascendeu a 586.000 euros, un dato que contrasta co do ano anterior, no que a remuneración do equipo directivo foi de 450.000 euros. 

Cada un dos dez conselleiros con que conta a sociedade, entre os que figuran tres altos directivos de Itínere, a matriz de Audasa, ingresou o pasado ano unha remuneración de 54.000 euros por pertencer ao máximo órgano de decisión da concesionaria da autoestrada AP-9.

Segundo explica a propia sociedade no documento remitido ao regulador, "a variación no importe total de remuneracións recibidas polos directivos respecto aos datos consignados a 31 de decembro de 2018 débese principalmente aos cambios producidos no equipo directivo derivados da reorganización interna da compañía". Iso si, os dividendos seguen destinándose a financiar a avultada débeda.

Sen mulleres no Consello de Administración

O Consello de Administración de Audasa está formado por dez homes. Nin rastro de presenza feminina. Para xustificar esta ausencia e a falta de cumprimento coa Lei Orgánica para a Igualdade Efectiva entre Homes e Mulleres, que recomenda unha representación de polo menos 30% nos Consellos das grandes empresas, Audasa escúdase na súa matriz, o Grupo Itínere.

"A sociedade non ten estabelecida unha política de diversidade en relación co Consello de Administración. Porén, debe sinalarse que dita política de diversidade si se aplica na matriz do Grupo Itínere, onde 25% das conselleiras (3 de 12) son mulleres, as cales acumulan unha amplia formación e experiencia profesional", sinala a concesionaria da AP-9 no seu informe anual de goberno corporativo.

"A política do Grupo é manter e, cando sexa posíbel, incrementar no futuro dita participación co obxecto de facela igualitaria, tanto na matriz como no resto das sociedades do grupo", engade Audasa, que nestes cinco anos desde a entrada en vigor da Lei de Igualdade non só non incorporou mulleres ao seu Consello, senón que tampouco existe representación feminina nos postos de alta dirección.

Onde si medrou a presenza de mulleres foi no cadro de persoal da concesionaria. Segundo os datos presentados ante a CNMV,  a sociedade tivo en 2019 unha media de 223 traballadoras fronte ás 209 que declaraba en 2018. Desas 14 novas incorporacións, que non detalla a que postos corresponden, 10 foron mulleres. Con todo, os homes seguen a ser maioría en Audasa, con 133 traballadores por só 90 traballadoras.

comentarios