Audasa ingresa 153,4 millóns de euros co aumento das peaxes da AP-9 en 2019

A empresa obtivo 42,3 millóns en beneficios.
Peaxe AP-9 (Arxina).
photo_camera Peaxe AP-9 (Arxina).

Autoestradas da Atlántico SA (Audasa) presentou onte as súas contas á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) nas que afirma que obtivo un beneficio de 42,3 millóns de euros en 2019. Ese mesmo ano a compañía incrementara 3,5% as súas peaxes, polas que ingresou 153,4 millóns de euros.

É este o sexto ano consecutivo de aumento de facturación da concesionaria da AP-9. Segundo explica Audasa nun comunicado, precisamente esta autoestrada rexistrou o ano pasado unha intensidade media diaria (IMD) total de 24.405 vehículos, 1,5% superior á de 2018 e 18,7% superior á da media de todas as autoestradas estatais.

Desde a compañía explican que o incremento nas peaxes de 3,51% o ano pasado foi para asumir os investimentos en ampliar a vía ao seu paso por Compostela e na ponte de Rande, así como os traxectos de volta gratuítos dos tramos entre as cidades de Vigo e Pontevedra para vehículos lixeiros a través do sistema de telepeaxe.

Plan Coronavirus 2020

Audasa sinala tamén no comunicado que prevé dedicar a maior parte dos beneficios que xere este ano a preservar a súa liquidez, ante a caída dos seus ingresos desde o inicio do estado de alarma decretado polo Goberno español o pasado mes de marzo. A compañía asegura que a intensidade media diaria reduciuse en 81% entre os días 1 e 19 de abril de 2020 con respecto ás mesmas datas de 2019 con motivo da pandemia do coronavirus.

Así mesmo, segundo a compañía que xestiona a AP-9, o ano pasado melloraron os sistemas de cobro automático, que xa alcanzan 85,6% de todos os seus tránsitos cun investimento de 5,9 millóns para mellorar a infraestrutura e a súa contorna. En relación ao seu cadro de persoal, no ano 2019 medrou en 6,7%, con 223 profesionais, das que só 40% son mulleres.

Por último, apunta que o grupo Itínere xestiona o servizo sen repartir dividendo ás súas accionistas e dedicando o beneficio de Audasa durante 17 anos para reducir o seu endebedamento a consecuencia do pago de 1.622 millóns de euros ao Estado español pola adquisición da Empresa Nacional de Autoestradas (ENA)

Comentarios