O comité de Alcoa retoma a folga

O persoal de Alcoa en San Cibrao (Cervo) decidiu onte en asemblea reiniciar a folga que suspenderon para facilitar as negociacións pola venda da planta. Esta vindeira segunda feira concentraránse diante das instalacións e avisan que haberá máis mobilizacións para presionar á empresa e ás Administracións.
Protestas de traballadores de Alcoa o pasado mes de xullo en San Cibrao (Arxina)
photo_camera Protestas de traballadores de Alcoa o pasado mes de xullo en San Cibrao (Arxina)

Volve a folga á factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo. Así o decidiu onte ao mediodía a asemblea de traballadoras e traballadores reunida para dar resposta á actual situación de parálise da negociación entre a multinacional e o Goberno español para a venda das instalacións. Desde o comité de empresa entenden que o proceso de venda agora mesmo “está parado e roto” polo que volverán a impedir a entrada e saída de material da factoría.

José Antonio Zan, presidente do comité de empresa, lamentaba ao remate da xuntanza a falta de negociacións e de acordo "por Alcoa estar bloqueando esa venda e o Goberno español non dar as garantías que se necesitan".

“Temos que seguir loitando, nin Alcoa quere vender nin o Goberno español quere comprar”, explicaba a Nós Diario Xosé Paleo, delegado sindical da CIG na factoría. “A empresa quere coñecer o marco enerxético para ver se é viábel cando iso interesaríalle a quen compre en todo caso”, afirma o sindicalista, “é a enésima escusa que pon”, engade. Do papel do Goberno español Paleo lamenta que se “desdixera da oferta de triangulación no proceso asegurando que Europea non llo permitía”. Paleo cre que estiveron "abocados á xustiza e que sexa o día 20 de outubro o Tribunal Supremo quen decida se a multinacional pode fechar a planta ou non”.  

Folga activada e novas mobilizacións

“Non nos quedou outro remedio que activar de novo a folga que tiñamos en suspenso a partir da segunda feira 27 de setembro”, informa Paleo, “por unha cuestións de prazos e co apoio case unánime da asemblea”. A primeira mobilización será diante mesmo da factoría ás 14 horas. A idea do comité de empresa é que “se saiba que Alcoa non ten motivos agora mesmo para fechar, hai empresas do sector que queren mercar”. 

O delegado de UXT na factoría, Tino Arias, admite a Nós Diario que as traballadoras e os traballadores teñen “unha sensación rara” por non saber como rematará toda esta situación “nin cal será a saída”. Agora mesmo, afirma, “non hai ningunha porta aberta e agardo que sexan desde o Goberno español e a Xunta tenten solucionalo”. Este sindicalista desconfía que a multinacional “se feche en si mesma de novo coa folga e non queira negociar máis, tal e como aconteceu noutras ocasións”.

Alcoa aposta agora por Brasil 

Ao mesmo tempo que a multinacional ten paralizado o futuro da súa factoría na Mariña anunciou esta semana que pensa retomar a produción de 268 mil toneladas de aluminio nas instalacións que ten en São Luís, no estado do Maranhão en Brasil.

Fontes da multinacional aseguraron que retomaban a actividade “de inmediato” coa intención de contar coa primeira fundición no segundo trimestre de 2022 e conseguir a máxima capacidade en 2023. O propio vice-presidente Executivo e CEO da Alcoa, John Slaven, aseguraba aos medios de comunicación brasileiros que a decisión está baseada “nunha análise que mostra que a fundición pode ser competitiva en todos os ciclos, aproveitando a refinaría no mesmo local e unha forte man de obra”.

Comentarios