Comeza a Campaña da Renda e Patrimonio de 2023: estes son os prazos

As declaracións do IRPF a través de internet poderán ser presentadas desde esta cuarta feira.
Oficina da Axencia Tributaria (Foto: Carlos Luján / Europa Press).
photo_camera Oficina da Axencia Tributaria (Foto: Carlos Luján / Europa Press).

A Campaña da Renda e Patrimonio de 2023 arrincará esta cuarta feira coa apertura da posibilidade de presentar as declaracións por internet e estenderase até o 1 de xullo, segundo o calendario publicado pola Axencia Tributaria.

Desde o 7 de maio até o 1 de xullo de 2024, a Axencia Tributaria poderá confeccionar a declaración do contribuínte por teléfono -a solicitude de cita estará dispoñíbel desde o 29 de abril até o 28 de xuño-.

Será entre o 3 de xuño e o 1 de xullo de 2024 cando a Axencia Tributaria poderá confeccionar aos contribuíntes as declaracións de forma presencial nas súas oficinas -con solicitude entre o 29 de maio e o 28 de xuño-.

No ano ao que se refire a campaña, 2023, o Goberno estatal puxo en marcha medidas fiscais nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) que repercutirán sobre as declaracións, como o aumento na redución das retencións do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) ás rendas de até 21.000 euros anuais, que beneficiará ás contribuíntes con estes ingresos.

Outra das novidades é que a totalidade do colectivo de autónomos, as persoas titulares do ingreso mínimo vital (IMV) e as integrantes da unidade de convivencia estarán obrigadas a presentar anualmente a declaración correspondente ao IRPF.

As nais que no momento do nacemento non estaban traballando senón cobrando o paro, ou tamén se con posterioridade cotizaron 30 días ou máis, poderán beneficiarse da dedución por maternidade e solicitar o abono de 100 euros ao mes.

Ademais, no ano 2023 elevouse un punto, a 27%, a tributación no IRPF das rendas do capital superiores a 200.000 euros, e a 28% para as plusvalías de máis de 300.000 euros.

Comentarios