A CIG rexeita a suba das cotizacións e CCOO máis UXT valorarán a proposta

Un obreiro da construción traballando nunha obra en Vigo (Foto: Nós Diario).
A iniciativa do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións de aumentar do ingresos pola vía laboral para contar con máis fondos para as futuras pensións foi acollida de forma desigual polos sindicatos. 

A última proposta do ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, para facer fronte á vaga de xubilacións que virán nos vindeiros anos xa está enriba da mesa. A fórmula do Goberno español é aumentar un 0,5% as cotizacións a partir de 2023 durante 10 anos. O incremento pagaríano a medias o persoal laboral e as empresas. En todo caso, de non abondar esta medida, non se desbota un recorte nas prestacións.

CIG: a solución é aumentar os salarios

En opinión de Francisco González Sío (CIG), con este debate "estase confundindo a xente". Cre que o problema das cotizacións á Seguridade Social "son os baixos salarios e as condicións laborais que teñen as persoas traballadoras" polo que apunta a Nós Diario que "se tivésemos unhas condicións dignas e o mercado laboral non fose tan precario en colectivos como a mocidade e as mulleres, teríamos uns ingresos para as pensións acordes ao que necesita o sistema".

Este sindicalista pon como evidencia os datos de 2011, antes da reforma laboral, cando "había no Estado español 8.061.000 pensionistas e o gasto medio anual era de 12.006 euros por cada un. En 2020 había 8.899.000, un 10,4% máis, e o gasto medio é de 15.605 euros, un 30% máis" como consecuencia das melloras laborais. Pola contra, "afiliacións había 17.275.000 en 2011 e 18.904.000, un 9,4% máis en 2020", algo que considera que son aumentos "semellantes".

Para a central nacionalista o problema radica en que “o ingreso medio anual por afiliado en 2011 era de 5.500 euros e agora é de 5.377 euros”, unha baixada dun 2,3%. “A reforma que fixeron fai inviábel o sistema, resume este sindicalista. González Sío achega outro dato significativo.

"En 2011 con 2,18 traballadores pagábase unha pensión e agora precísanse 2,90 traballadores", achega. Diante desta situación, a CIG propón "aumentar os salarios e mellorar as condicións laborais, unhas medidas que farán que aumenten os ingresos, por exemplo  a través de equiparar o salario medio interprofesional (SMI) con respecto á Carta Social Europea". 

CCOO e UXT valorarán a proposta

Para CCOO e UXT na negociación que se está a levar a cabo sobre o modelo das pensións foi positivo que se retirara o factor de sostibilidade que penalizaba as pensións futuras.

Maica Bouza (CCOO) considérao "un paso importante" por ser "a primeira vez que o ministro non fala de reducir o gasto e si dunha medida para actuar polo lado do ingreso" polo que pensan "estudar" a medida. Valorarán máis adiante se "é suficiente para o déficit de ingresos que vai a ter o sistema de pensións" para tratar despois "de como se reparte ese incremento das cotizacións". 

Para Isabel González (UXT) "o máis importante foi manter o equilibrio das pensións co índice de prezos do consumo (IPC)". Salienta que "o problema actual veu de que o fondo actual se gastou en cuestións que nada tiñan que ver coas pensións", e coincide en valorar "calquera idea que non implique recortes".