Cal é o impacto económico dunha universidade? Un estudo revela a importancia da UVigo

A institución tamén produce un importante número de empregos directos e indirectos.
Isabel Diéguez e Andrés Mazaira, docentes da UVigo, encargáronse de presentar o documento (Foto: Pedro Davila / Europa Press).
photo_camera Isabel Diéguez e Andrés Mazaira, docentes da UVigo, encargáronse de presentar o documento (Foto: Pedro Davila / Europa Press).

O impacto económico da Universidade de Vigo (UVigo) en termos de produción e vendas  supera os 630 millóns de euros, mentres que o incremento sobre a renda alcanza os 373 millóns e xera case 9.400 empregos.

Así se desprende do estudo Impacto económico da actividade da Universidade de Vigo, elaborado pola institución e o Consello Social, con datos do curso académico 2020-2021.

O documento, presentado esta sexta feira na cidade olívica, recolle que o gasto dos axentes vinculados á actividade da UVigo na anualidade foi de 263 millóns de euros, tendo en conta o gasto da universidade, con máis de 103 millóns, así como o de estudantes, o de visitantes de estudantes e o de asistentes a eventos e congresos da propia institución.

Así mesmo, o impacto do estudantado en termos de produción e vendas sobe até os 328 millóns, dos que 137 millóns son gasto directo e máis de 190, indirecto. No caso da propia universidade, dos 246 millóns que xera, 115 millóns son indirectos.

Pola súa parte, o aumento sobre a renda que produce a UVigo cífrase en máis de 373 millóns de euros, o que supón perto de 0,6% do Produto Interior Bruto (PIB) galego. Ademais, mantén ou crea 9.359 empregos, 0,86% da ocupación total do país.

"En termos de emprego, os sectores máis destacados son transporte, almacenamento e  comunicacións, educación, hostalaría, outros servizos persoais, fabricación e conservación de alimentos, agricultura e gandería e actividades sanitarias", sinala a investigación da UVigo.

En adición, no longo prazo, o valor económico do capital humano achegado pola UVigo sería de 1.851 millóns de euros en 2019-2020, dos que 1.616 millóns permanecen na Galiza.

Comentarios