Un de cada tres sinistros laborais acontece en postos onde non se fixo avaliación de riscos

O sindicato UXT afirma que se poderían ter evitado no Estado 140.000 accidentes no traballo en 2015.

sinistralidade laboral

Un 31% dos accidentes laborais que aconteceron durante a xornada laboral en 2015 producíronse en postos nos que non se realizara a avaliación de risco, o que supón 140.232 accidentes que “se poderían ter evitado” de se cumprir coa Lei de prevención de riscos laborais vixente desde hai 20 anos. Así o afirma o sindicato UXT, que alerta do incremento de sinistralidade nos últimos anos e do trasvase que se está a dar desde os accidentes con baixa aos sen baixa.

O 2016 deixa o peor primeiro trimestre dun ano desde o 2012 en canto a sinistralidade laboral. Nos tres primeiros meses deste exercicio producíronse un total de 5.914 accidentes laborais, case un 2% máis que no mesmo período de 2015. Desde o primerio trimestre de 2012 (6.651) non se rexistrara un número tan alto de sinistros.

En Galiza este primeiro trimestre deixou cifras preocupantes en canto a sinistros mortais no traballo: 11. Porén, é un descenso a respeito do mesmo período do ano anterior, 2015, no que foron 15 as persoas traballadoras falecidas. Non se rexistrou este descenso nos accidentes leves (aumentaron nun 1,2%) nin nos graves. Nestes últimos, o aumento nos primeiros tres meses de 2016 foi dun 47,5% (118 accidentes graves).

Comentarios