Bruxelas apraza tres anos os aranceis aos vehículos eléctricos do Reino Unido

A decisión busca reducir a dependencia comunitaria a nivel global
Punto de carga de coches eléctricos nunha zona de aparcamento. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Punto de carga de coches eléctricos nunha zona de aparcamento. (Foto: Nós Diario)

A Comisión Europea propuxo esta cuarta feira atrasar outros tres anos, até o 31 de decembro de 2026, a introdución de aranceis tras a saída do Reino Unido da Unión Europea (UE) aos vehículos eléctricos co fin de fomentar a produción doméstica de baterías e outros compoñentes e evitar dependencias de terceiros Estados como é o caso da China.

Bruxelas respondeu así á petición que os principais fabricantes de automóbiles da UE fixeron á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, de pospor a introdución destes aranceis posteriores ao Brexit (como se coñece á saída do Reino Unido da UE), xa que os consideran prexudiciais para a produción de vehículos eléctricos no mercado comunitario.

"Escoitamos os afectados e puxemos sobre a mesa unha proposta xusta para garantir que a UE forme parte dunha transición próspera e impulsar a industria das baterías", sinalou en rolda de prensa o vicepresidente Maros Sefcovic.

Na mesma liña, o vicepresidente económico da Comisión, Valdis Dombrovskis, destacou que esta prórroga "ofrece a estabilidade que tanto necesitan os fabricantes de automóbiles e baterías da UE nun momento de forte presión competitiva mundial" e que é o "resultado dun intenso compromiso coa industria e cos sindicatos".

Vigo segue á espera da adxudicación do Perte

Esta normativa da UE podería exercer influencia sobre a fabricación de vehículos eléctricos en Vigo. Porén, a planta de Stellantis na cidade olívica segue esperando pola posíbel adxudicación de fondos da sección B do segundo Plan estratéxico de recuperación económica (Perte) para o vehículo eléctrico.

Comentarios