Bruxelas anuncia unha "intervención de emerxencia" no mercado eléctrico

O prezo do megawatt supera os 1.000 euros/hora no mercado alemán a futuro.
Wien Energie, o maior provedor austríaco de enerxía, experimenta problemas financeiros polos alto custo do gas e da electricidade (Foto: Helmut Fohringer / APA / DPA).
photo_camera Wien Energie, o maior provedor austríaco de enerxía, experimenta problemas financeiros polos alto custo do gas e da electricidade (Foto: Helmut Fohringer / APA / DPA).

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou esta segunda feira que Bruxelas traballa nunha "intervención de emerxencia e unha reforma estrutural do mercado eléctrico".

Von der Leyen sinalou que o mercado enerxético deseñouse "para outras circunstancias" e que está detrás dos prezos "desorbitados" no continente ao ligar o prezo do gas ao doutras enerxías.

Unha reforma do mercado enerxético que de seguro será debatida na cimeira extraordinaria de ministros e ministras de Enerxía da UE que terá lugar o próximo 9 de setembro, anunciada esta segunda feira polo ministro de Industria checo, Jozef Sikela, Estado que ostenta a presidencia semestral da UE.

"Despois dunha fin de semana chea de negociacións, podo anunciar que convocamos o encontro extraordinario do Consello de Enerxía. Reunirémonos en Bruxelas o 9 de setembro", sinalou. Indicou tamén que a UE "debe arranxar o mercado enerxético".

Este anuncio chega nun contexto no que o custo almacenista da electricidade en Alemaña para 2023 marcou un novo fito na súa escalada, ao superar esta segunda feira por primeira vez os 1.000 euros por megawatt-hora (MWh), duplicando o seu prezo en apenas dúas semanas como consecuencia da crise de subministración enerxética na rexión.

Deste modo, os futuros do prezo da electricidade para 2023, aqueles que son acordados con anterioridade á compravenda, segundo os datos da Bolsa Europea de Enerxía, rexistraron unha suba de ao redor de 100% desde que o pasado 16 de agosto superasen por vez primeira os 500 euros por megawatt-hora.

Hai un ano, o prezo do megawatt hora situábase por baixo de 90 euros. Segundo os datos de Bloomberg, o prezo da enerxía de Alemaña para 2023 alcanzou os 1.050 euros por MWh ás 10.19 horas de Berlín, despois de que a pasada sexta feira superasen o limiar dos 1.000 euros no caso do mercado eléctrico de Francia.

O grupo francés EDF anunciou a semana pasada que os fechamentos de catro reactores nucleares ampliaranse durante algunhas semanas máis por problemas de corrosión.

Na actualidade, 32 dos 56 reactores franceses atópanse fóra de servizo por labores de mantemento ou avaliación de riscos de corrosión. Unha situación dos mercados enerxéticos que está xerando unha fonda preocupación en moitos Estados da Unión Europea (UE).

O chanceler austríaco, Karl Nehammer, mantivo unha reunión específica a última hora do domingo para abordar a situación da enerxía co ministro de Finanzas de Austria, Magnus Brunner, a ministra de Enerxía, Leonore Gewessler, o xefe da compañía enerxética austríaca Verbund, Michael Strugl, e o concelleiro de Finanzas e Orzamentos do Concello de Viena, Peter Hanke, para contar coas súas opinións.

"Debemos deter dunha vez esta loucura que se está producindo nos mercados enerxéticos", avisou o chanceler antes do comezo dunha reunión na que buscaron solucións para combater os altos prezos da enerxía no mercado enerxético de Austria. 

"Hai que facer algo dunha vez; este mercado non se regulará por si propio na súa forma actual. Fago un chamamento a todos os vinte e sete (Estados da UE) para que se poñan de acordo e deteñan inmediatamente esta explosión de prezos", declarou o chanceler.

Nova suba do megawatt, que rozará mañá os 460 euros

O prezo medio da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista no Estado español subirá esta terza feira 8,51% con respecto á segunda feira, até os 459,4 euros por MWh, tocando así un novo máximo desde que entrou en vigor a excepción ibérica para topar o prezo do gas na xeración eléctrica, segundo o Operador do Mercado Ibérico de Enerxía. 

Neste contexto, a ministra de Industria, Comercio e Turismo do Estado español, Reyes Maroto, descartou esta segunda feira que vaia haber problemas de subministración enerxética na industria e pediu apoio ao Plan de Continxencia que o Executivo español debe remitir a Bruxelas en setembro. Un plan que está a ser deseñado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, cuxa ministra ao cargo, Teresa Ribera, desenvolve esta semana varias reunións ao respecto.

Comentarios