En que consiste a "intervención de emerxencia" que está a deseñar Bruxelas no mercado eléctrico?

Os ministros e ministras de Enerxía da Unión Europea (UE) reuniranse o vindeiro 9 de setembro.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen. (Foto: Europa Press)
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen. (Foto: Europa Press)

A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, anunciou esta segunda feira que Bruxelas está a deseñar unha “intervención de emerxencia” no mercado eléctrico europeo, ante as previsións de encarecemento da enerxía en outono e inverno de 2022.

Von der Leyen, que está a participar no cumio Estratéxico de Bled, que decorre en Eslovenia, recoñeceu que “o aumento vertixinoso dos prezos da electricidade está a pór de manifesto as limitacións do noso actual deseño do mercado da electricidade”.

Neste sentido, a presidenta da Comisión Europea acusou Rusia de estar a exercer unha “chantaxe” enerxética. “A era dos combustíbeis fósiles rusos en Europa rematou, e liberarnos desa chantaxe traeranos máis poder para defender a orde global”, asegurou.

Segundo detallou Von der Leyen, a estratexia europea pasa por diversificar provedores e impulsar as enerxías renovábeis, co obxectivo de cortar “á velocidade da luz” os vínculos enerxéticos con Moscova.

Reunión en setembro

O vindeiro 9 de setembro está previsto que os ministros e ministras de Enerxía dos Estados integrantes da Unión Europea (UE) se reúnan para expor e debater novas medidas ante a crise enerxética derivada do aumento do prezo do gas e da electricidade.

Precisamente, esta terza feira o prezo da electricidade alcanzará o terceiro rexistro máis alto da súa historia, cun total de 459 euros por megavatio hora (MWh), segundo os datos provisionais publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OIEA).

Foi o ministro de Enerxía da República Checa, Josef Zíkela, quen adiantou e confirmou a data na que se producirá esta reunión. O seu país, que ocupa a presidencia da UE até final de ano, xa anunciara a intención de convocar unha xuntanza “urxente” para tratar esta problemática.

Nun chío de Twitter, Zíkela anunciou a convocatoria “dunha reunión extraordinaria do Consello de Enerxía [da Unión Europea]”. Para o dirixente checo, “debemos arranxar o mercado enerxético. Unha solución a nivel da UE é de lonxe a mellor opción que temos”.

Comentarios