Campo Lameiro declarará Escotet "persoa non grata" polo feche da oficina de Abanca

A propia corporación municipal está detrás da convocatoria dunha manifestación en protesta pola redución da rede de sucursais que afecta especialmente na zona. A concentración terá lugar o próximo 27 de agosto.
Juan Carlos Escotet, en primeiro plano, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Abanca)
photo_camera Juan Carlos Escotet, en primeiro plano, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Abanca)

A estratexia de Abanca para recortar a súa rede de atención á clientela continúa avanzando, mais a entidade financieira non se libra de polémicas naquelas vilas que vai deixar sen servizo ou onde este quedará moi reducido.

Se antes xa foran outras localidades as que protestaran, agora é Campo Lameiro quen prepara unha manifestación para rexeitar publicamente o inminente fechamento da oficina do municipio.

A convocatoria, promovida pola corporación municipal, está prevista para o 27 de agosto. A concentración "de repulsa", na que agardan a participación masiva das e dos residentes na localidade, terá lugar ás 20.30 horas.

No entanto, a representación política da cidadanía vai máis alá nas accións de queixa e declarará "persoa non grata" ao presidente do banco, Juan Carlos Escotet.

O empresario ten certo marxe, pois a medida só se levará a cabo se prosigue adiante co "anunciado fechamento" da sucursal de Campo Lameiro, que en principio está programado para o 8 de setembro.

Así o acordaron os nove concelleiros -pertencentes aos grupos do PP, Porvir e PSdeG- do concello, que amosaron a súa unanimidade nesta cuestión. De feito, votaron un "decálogo reivindicativo en defensa do mundo rural e dos dereitos dos veciños".

Os acordos acadados no marco dese debate abranguen desde a retirada de todos os fondos municipais de Abanca até trasladar as contas a aquela entidade que elixa o municipio para abrir unha oficina. Esta información vai ser remitida á Xunta e á dirección de Abanca.

Comentarios