A economía de proximidade pide paso

A produción agraria non cobre as necesidades alimentarias das persoas
A experiencia do Fogar do Santiso estará presente nas xornadas de economía de proximidade. (Foto: Fogar do Santiso) #uimp #economía #economíadeproximidade #marcelinofernándezmallo
photo_camera A experiencia do Fogar do Santiso estará presente nas xornadas de economía de proximidade. (Foto: Fogar do Santiso)

A delegación coruñesa da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) organiza o 8 e 9 de novembro un seminario titulado “Economía de proximidade, clave do desenvolvemento rexional” onde pretende analizar os retos da Galiza nesta materia. As xornadas van contar coa presenza de destacados especialistas, así como de persoas que lideran iniciativas punteiras neste ámbito, estando xa aberta a inscrición na sede da UIMP e na conta de correo electrónico da entidade.

A economía de proximidade é o conxunto de actividades económicas dirixidas a producir bens e servizos por empresas emprazadas nun determinado territorio e destinadas principalmente á satisfacción da poboación presente nesa área xeográfica. Neste sentido, os organizadores márcanse como obxectivos “contribuír a concienciar sobre o papel crítico que a economía de proximidade terá nun futuro”, “indagar nas claves de funcionamento da economía de proximidade” e “coñecer a situación da economía galega en relación con esas claves de coñecemento”.  

O coordinador da actividade, o economista Marcelino Fernández Mallo sinala a Nós Diario “os factores externos, como o risco vírico, o cambio climático ou os conflitos territoriais que están a provocar unha ruptura na cadea de abastecementos e a falla de subministros de produtos importantes”. “A ausencia de determinados produtos, mesmo transformados, ou os prezos desbocados doutros, como acontece cos cereais, representan unha chamada de atención sobre os escenarios futuros”, afirma Mallo, quen advirte do “déficit de partida da Galiza en bens de primeira necesidade, moi particularmente na esfera agroalimentaria”.

“Non temos cubertas as demandas da gran maioría dos produtos agrarios coa produción local”, destaca Fernández Mallo, quen considera “unha lacra” que a superficie agraria útil (SAU) da Galiza sexa “de 24%, mentres na media estatal se sitúa en 48%”.

“Se isto non é rendíbel por que outros territorios teñen mellores datos que nós?”, pregúntase Fernández Mallo, quen considera “o abandono do rural da Galiza como paradigmático”. Sobre esta cuestión versan algúns dos relatorios, elaborados por expertos como o francés Andre Torre, a grande autoridade europea na economía de proximidade, o catalán Álvaro Porro, a galega Mar Pérez Fra ou o propio Fernández Mallo.

O seminario pretende unha achega transversal aos diferentes aspectos que condicionan a economía de proximidade. Así, en relación coa cuestión enerxética, Fernández Mallo aposta por “unha descentralización da produción” e defende “no canto de grandes instalacións hostís co medio ambiente pequenas unidades de xeración descentralizada. De feito algúns autores xa falan da revolución dos tellados”, en relación coas iniciativas de autoconsumo promovidas en diversos proxectos ligados ao agro.

Fernández Mallo urxe as administracións “a tomar cartas no asunto”. “Na Galiza fanse cousas, están os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), a Asociación Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), o centro agrario de Mabegondo (Abegondo), pero isto non é suficiente. Moitas cousas veñen lideradas pola Unión Europea e non se consegue o que se precisa. Non podemos permitir ter na cadea de valor unha empresa invasora que non xera e iso provoca uns efectos moi negativos na dinamización economía do rural”, conclúe Fernández Mallo.

Comentarios