A veda de choco nas rías de Pontevedra e Vigo comezará esta segunda feira

A partir do mes de xuño as capturas de individuos xuvenís incrementan en 80%

Individuo de choco ('Sepia officinalis'). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Individuo de choco ('Sepia officinalis'). (Foto: Nós Diario)

A veda de captura de choco nas rías de Pontevedra e Vigo irá desde esta segunda feira, 17 de xullo, até o 31 de outubro, ambas as xornadas inclusive.

Así figura en cadansúa resolucións que a Consellería do Mar publica esta sexta feira no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Durante este período fica queda prohibida tanto a pesca para a baixura como a de recreo. Ademais, as capturas accidentais deberán ser devoltas ao mar.

Da mesma maneira, o DOG recolle que os informes técnicos constatan que a partir do mes de agosto "case a totalidade da captura de choco" é de xuvenís, inferior a 13 centímetros.

Ademais, constátase que a partir do mes de xuño a porcentaxe de individuos xuvenís capturados increméntase en 80% respecto a meses anteriores, nos que se recomenda limitar o emprego das diferentes artes de pesca nas zonas máis interiores das rías.

Pola súa parte, a veda da centola comezou o 24 de xuño, en todo o litoral do país. Durará até o 5 de novembro entre A Guarda e Estaca de Bares e até o 26 de novembro entre Estaca de Bares e o río Eo, incluída a ría do Barqueiro. Así o estabelece a resolución pola que se aproba o plan de xestión da centola e do boi para a campaña 2023-2024, publicada tamén no Diario Oficial da Galiza (DOG).

Tamén, a veda do boi comezará o 2 de setembro e prolongarase tamén até o 5 de novembro.

Comentarios