O balance anual da automoción galega: medra a facturación 7% mentres se perden 1.530 empregos

A planta de Stellantis en Vigo, que aínda non retomou a produción pola crise dos microchips, fabricou 23,6% dos coches producidos a nivel estatal en 2021.
A factoría viguesa de Stellantis segue sen retomar a produción por mor da crise dos microchips (Foto: Grupo PSA).
photo_camera A factoría viguesa de Stellantis segue sen retomar a produción por mor da crise dos microchips (Foto: Grupo PSA).

O sector de automoción da Galiza facturou o pasado ano 7,3 % máis que en 2020, até os 11.200 millóns de euros, a pesar da crise de aprovisionamentos e dos efectos da pandemia da Covid-19. Así o trasladou nun comunicado o Clúster de Empresas de Automoción da Galiza (CEAGA), que esta cuarta feira se reunirá na súa asemblea anual para facer balance do pasado exercicio e abordar os seus retos de futuro.

A crise global dos microchips e o encarecemento de materias primas e enerxía non impediron que esta industria alcance no país, un ano máis, cifras de récord. Así, 2021 foi un ano de crecemento na facturación do sector, que veu subindo de forma ininterrompida desde o ano 2015, cando a facturación ficou en 8.200 millóns de euros.

Na mesma liña, o comportamento das exportacións tamén foi positivo e marcou o seu mellor dato histórico, alcanzando os 8.160 millóns de euros, isto é, 12,4 % máis que en 2020. Esta cifra equivale a 32,3% do total de exportacións da Galiza.

A respecto dos compoñentes, tamén medrou a súa venda no exterior (+1,8%) e chegou a 1.650 millóns de euros. Os principais destinos das exportacións foron Francia, Portugal, Reino Unido, Alemaña, Polonia, Arxentina, Marrocos, Eslovenia, Estados Unidos e Italia.

Perda de emprego

A cara negativa do balance está no nivel de ocupación, xa que en 2021 a automoción galega perdeu 1.530 empregos. Así, aínda que o emprego neste sector é 13,7% do emprego industrial do país, hai un 6,1% de traballadores menos nesta industria, en comparanza co ano anterior.

Outra das magnitudes que retrocedeu foi o investimento, xa que en 2021 baixou 9,5%, até os 124 millóns de euros, fronte aos 137 millóns de 2020 e moi lonxe dos 525 millóns de investimento do ano 2011.

Con todo, tal e como recolle o balance de CEAGA, a industria de automoción galega segue liderando a produción de vehículos no Estado español. Así, a planta de Stellantis en Vigo fabricou 23,6% dos coches producidos a nivel estatal.

Comentarios