Stellantis segue sen retomar a produción en Vigo polo desabastecemento

Malia estar prevista a volta á actividade para a vindeira segunda feira, a compañía decidiu manter inactivas as súas liñas de montaxe polos problemas de aprovisionamento.
Unha traballadora na liña de produción de Stellantis en Vigo (Foto: Stellantis).
photo_camera Unha traballadora na liña de produción de Stellantis en Vigo (Foto: Stellantis).

A planta do grupo Stellantis en Vigo prolongou a suspensión de actividade das súas liñas de montaxe debido aos problemas de aprovisionamento de compoñentes —principalmente aqueles con microchips, debido á súa escaseza a nivel mundial— e confirmou que os traballadores non volverán ao traballo a vindeira segunda feira, como estaba previsto.

Segundo comunicou a empresa ao cadro de persoal, no caso do sistema 1 —o que monta o Peugeot 2008, o C-Elysée e o Peugeot 301—, exponse un escenario de fabricación cun 'mix' de Peugeot 2008 exclusivamente eléctrico e do resto de modelos desa liña de montaxe.

Para iso será necesario baleirar os 'encursos' —os coches que están a medio montar na liña— previamente, e a continuación da produción dependenderá da dispoñibilidade das pezas necesarias para facer ese baleirado —e completar a montaxe dos vehículos pendentes—.

Por tanto, a actividade non se retomará o 21 de marzo como se anunciara inicialmente e a empresa avisará os equipos desta liña de montaxe "unha vez que se dean as condicións para o arranque".

A respecto do sistema 2 de produción, o que monta as furgonetas e os monovolumes, anulouse a previsión de volver a segunda feira e fixouse como data de reinicio a terza día 29 de marzo, na quenda de mañá.

Fontes da factoría explicaron a Europa Press que estas medidas responden á crise de subministracións que fai máis dun ano afecta o sector e desvinculáronas do paro convocado por transportistas.

De feito, lembraron que a fábrica xa estaba parada por falta de compoñentes cando se iniciou este novo paro.

Comentarios