No primeiro trimestre

Alcoa, que fecha a fábrica de San Cibrao, eleva un 119% o seu beneficio

Alcoa, o maior produtor estadounidense de aluminio, rexistrou un beneficio neto atribuído de 175 millóns de dólares (146 millóns de euros) entre xaneiro e marzo, o que representa un incremento do 119% respecto do resultado de 80 millóns de dólares (67 millóns de euros) contabilizado pola multinacional no primeiro trimestre de 2020, segundo informou a compañía.

Traballador de Alcoa en San Cibrao (Cervo) nunha protesta.(Carlos castro/ Europa Press).
photo_camera Traballador de Alcoa en San Cibrao (Cervo) nunha protesta.(Carlos castro/ Europa Press).

Alcoa atribuíu a mellora dos seus resultados no primeiro trimestre de 2021 aos prezos máis altos do aluminio e a alúmina, así como aos menores cargos relacionados coa reestruturación da empresa e o impacto positivo da venda de activos.

As vendas da compañía estadounidense no tres primeiros meses do ano sumaron 2.870 millóns de dólares (2.397 millóns de euros), un 20,5% máis que un ano antes, mentres que o endebedamento neto de Alcoa se reduciu a 492 millóns de dólares (411 millóns de euros), unha mellora do 47% respecto da súa posición a 31 de decembro de 2020.

"Tivemos un primeiro trimestre excelente co noso mellor resultado trimestral desde 2018", dixo o presidente e conselleiro delegado de Alcoa, Roy Harvey.

De cara ao resto do exercicio, Alcoa espera un 2021 “sólido” baseado nunha continuada recuperación económica e unha maior demanda de aluminio en todos os mercados finalistas.

En calquera caso, fontes de Alcoa subliñan que a súa previsión "segue sendo" que a planta de San Cibrao (en Cervo) teña perdas no conxunto do exercicio de 2021, e aseguran que tamén anotou números vermellos no primeiro trimestre. En calquera caso, evitan trasladar os datos concretos porque a compañía "non adoita" dalos "individualizados" para cada un dos seus centros.

Alcoa comunica os resultados no medio da negociación para a venda da fábrica de aluminio de San Cibrao á sociedade estatal de participacións industriais (SEPI). A de alúmina queda á marxe das conversacións.

Na quinta feira o comité de empresa apelou a que a compañía reduza as súas esixencias no marco dun proceso estancado hai semanas debido, entre outras cuestións, á petición de inmunidade que demanda en relación con eventuais reclamacións futuras sobre a operación.

A falta de avances tamén responde á situación financeira que afecta a Liberty, que por agora se presenta como principal interesado para ser o comprador final da factoría.

Comentarios