Alcoa condiciona a venda a un prezo da enerxía competitivo

A multinacional fecha o trimestre cun beneficio récord que espera consolidar a final de ano pese á folga en San Cibrao.
Os altos prezos do aluminio impulsaron a facturación de Alcoa (Foto: Europa Press).
photo_camera Os altos prezos do aluminio impulsaron a facturación de Alcoa (Foto: Europa Press).

Os altos prezos do aluminio e a alúmina nos mercados fixeron que Alcoa rexistrase no terceiro trimestre do ano un beneficio récord de 337 millóns de dólares (290 millóns de euros), un dato que contrasta cos 49 millóns de dólares (42 millóns de euros) contabilizados entre xullo e setembro de 2020. As vendas representaron 3.109 millóns de dólares (2.680 millóns de euros), 31,4% máis que un ano antes.

Nos nove primeiros meses do exercicio, o beneficio ascende a 821 millóns de dólares (708 millóns de euros), fronte ás perdas de 166 millóns (143 millóns de euros) de 2020, mentres que as vendas aumentaron 27,8%, até 8.812 millóns de dólares (7.597 millóns de euros).

As previsións da multinacional debuxan un crecemento de dous díxitos no volume de envíos e confía en que a demanda global anual de aluminio primario aumente preto dun 10% en relación con 2020 e supere os niveis prepandémicos.

Todo isto tendo en conta a situación da súa planta en San Cibrao (Cervo), onde os traballadores teñen activa unha folga que impide a saída de material do complexo até que non se aclare o proceso de venda, sobre o que tamén se pronunciou a multinacional.

Custos enerxéticos 

A este respecto, Alcoa afirma que a compañía "segue a buscar unha solución" e destaca que o prezo da enerxía no Estado español para fundición supera de lonxe as medias das fundicións mundiais e da Unión Europea.

"Alcoa mantén o seu compromiso de transferir a fundición de aluminio a un terceiro tan pronto como o Goberno español poida desenvolver e implementar un marco enerxético competitivo que faría viábel a  fundición", apuntou a empresa.

Neste senso, lembrou que o pasado 27 de setembro, o comité iniciou unha folga "que limita varias actividades e bloquea os envíos de aluminio".

Así, as previsións da compañía apuntan a que as operacións de San Cibrao enfrontarán custos de enerxía e materias primas significativamente máis altos, así como a perda de primas de valor agregado por mor da folga, cun impacto aproximado de 90 millóns de dólares (77 millóns de euros) nos seus resultados do cuarto trimestre, incluíndo a redución dunhas 52.000 toneladas métricas de envíos de aluminio.

Comentarios