O cadro de persoal de Alcoa para a actividade e inicia as mobilizacións

O cadro de persoal de Alcoa en San Cibrao (Cervo) volveu esta segunda feira á folga e reiniciou as mobilizacións diante da factoría. A multinacional difundiu horas antes un comunicado reiterando a "inviabilidade" da planta polo custo da enerxía e minimizando os seus beneficios polo aumento do prezo do aluminio, uns argumentos que rexeitan desde o comité a CIG.
alcoa protesta folga cig alcoa
photo_camera (Foto: CIG-Alcoa)

O fracaso das negociacións entre o Goberno español e Alcoa para a venda da factoría de San Cibrao (Cervo) semella derivar directamente cara a xustiza e a decisión que xurda das e dos maxistrados da sala do social do Tribunal Supremo o próximo 20 de outubro, sobre o recurso que interpuxo a multinacional contra a anulación do expediente de regulación de emprego (ERE) para todo o persoal que traballa nas súas instalacións.

O reinicio da folga, suspensa polo comité de empresa para facilitar as negociacións e a volta ás mobilizacións por parte das traballadoras e dos traballadores, fixo reaccionar á multinacional. Horas antes do paro, Alcoa facía público un comunicado no que lamentaba que non se tratara nas reunións "o tema clave que é a enerxía non competitiva" e o prezo actual que pagan "máis do triplo do que paga a compañía en calquera outra planta de aluminio do mundo".

Prezo do aluminio e folga

As últimas novas que se difundiron sobre os altos prezos do aluminio e as ganancias de Alcoa a nivel mundial non pasaron desapercibidas para a multinacional. No comunicado, o seu vicepresidente executivo e Director Comercial Global, Tim Reyes, sinalaba que "mesmo cos prezos do aluminio en máximos de 10 anos, a planta de aluminio de San Cibrao segue sendo inviábel debido ao prezo da electricidade" polo que "nos comprometemos a seguir adiante coa transferencia da planta a un terceiro, pero primeiro debe resolverse o marco enerxético", engadía. 

En relación á folga que reinicia o cadro de persoal na Mariña, Reyes apunta que "o que contribuiría á solución non é unha folga, que ten un impacto negativo para o futuro das plantas de alúmina e de aluminio, senón unha verdadeira solución do goberno ao problema da enerxía eléctrica". 

Comunicado "trampa" 

"Suspendemos oito meses a folga para que puideran negociar e foron incapaces de chegar a un acordo que fora vinculante, cando temos catro compradores que están agardando que lles dean opcións", lamentábase o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, en declaracións a Nós Diario, "polo que temos a sensación que hai un que non quere vender e outro que non quere comprar tampouco", engadía. 

En relación ao comunicado da multinacional, Zan cre que "é tramposo por non falar de que teñen un ERE cunha sentenza favorábel nosa que eles recorreron diante do Supremo". Para este sindicalista Alcoa "está dicindo que se pode nos vai despedir a todos, até lle parece mal que fagamos unha folga". O presidente do comité considera que non ten sentido falar do prezo da enerxía "posto que todos os compradores acordaron cunha empresa eléctrica a moi bo prezo polo que ese non é o problema". 

CIG: Alcoa busca argumentos para fechar

"Cada día que pasa Alcoa busca un argumento no que fundamentar a súa posición de despedir e fechar as instalacións", asegura a Nós Diario o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, "nas reunións vimos como hai empresas que queren participar no proceso de venda polo que non existen os impedimentos que asegura", engade. O líder sindical lembra que o Goberno español e a Xunta da Galiza "non atenderon as reiteradas peticións do comité, dos sindicatos e de toda A Mariña de buscar todas as solucións, mesmo a intervención pública que para nós era a maneira de desaloxar a Alcoa e garantir o futuro industrial ".

En relación á decisión do Supremo, Carril afirma que "calquera modificación pode ser un paso atrás" tendo en conta que "Alcoa leva todo o ano querendo buscar nos xulgados que lle dean a razón". Neste caso, critica "que se volva trasladar a un xulgado o que debera ser unha decisión do ámbito político".

Comentarios