O persoal de Alcoa, disposto a levar as protestas ante o Congreso

O comité de empresa de Alcoa en Cervo reuniuse co deputado Néstor Rego, que anunciou que pedirá a comparecencia da ministra no Congreso para que explique a situación da planta.
Protesta do cadro de persoal de Alcoa o pasado mes de novembro en Lugo, na que pedía a intervención da planta de San Cibrao (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Protesta do persoal de Alcoa en novembro en Lugo, na que pedía a intervención da planta de San Cibrao (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Após a protesta multitudinaria deste domingo en Lugo, na que estiveron acompañados polos traballadores de Vestas, o persoal de Alcoa en San Cibrao (Cervo) xa pensa nos seguintes actos de protesta. 

Entre esas próximas paradas podería figurar o Congreso das Deputadas en Madrid, aínda que o presidente do comité, José Antonio Zan, puntualizou que se están "barallando varios temas", polo que van "aos poucos". "Para ir a Madrid hai que ter moita xente e que sexa un éxito, e iso non se fai dun día para outro", subliñou. En calquera caso, deixou aberta esa posibilidade: "A estas alturas non descartamos nada". 

Polo de pronto, o primeiro paso após a mobilización deste domingo, da que Zan se amosou "moi satisfeito" pola resposta da xente, será a manifestación que xa hai convocada para o domingo 17 en Viveiro.

"É unha manifestación convocada polos sindicatos, polo que queremos convidar a toda A Mariña a que veña a apoiarnos, porque necesitamos agora máis que nunca o apoio, porque se a  SEPI entra nesa operación ao día seguinte poderiamos ter o comezo da venda", explicou.

De momento Zan recoñece que seguen "sen noticias do Goberno, nin de Alcoa, e coa necesidade dun vez por todas de que dean ese paso de valentía de meter a SEPI na operación".

Iniciativas do BNG

Na mesma liña, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, após reunirse co comité, anunciou novas iniciativas na Cámara Baixa para reclamar o Goberno español, entre outras cuestións, que cumpra a resolución da comisión de Industria que apostaba pola intervención pública como vía para garantir a continuidade dos postos de traballo na Mariña.

Así, o BNG solicitará a comparecencia da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, para que explique as actuacións do Goberno con respecto á planta de Alcoa.

Rego, que insistiu na intervención pública, aínda que sexa temporal, trasladou o apoio da formación nacionalista aos traballadores e traballadoras de Alcoa na súa loita por "manter a actividade e salvagardar a totalidade dos postos". "O BNG ten claro que a solución de Alcoa pasa pola intervención pública, mesmo aínda que sexa temporal", insistiu o deputado nacionalista no Congreso.

Comentarios