Alberto Matarán: "As periferias son sacrificadas para abastecer electricidade aos centros"

 

O profesor de Urbanismo e Ordenación de Territorio na Universidade de Granada, Alberto Matarán Ruiz analiza para Nós Diario o proceso de implantación das renovábeis no mundo e no Estado español, o que, na súa opinión, responde a unha lóxica que cualifica de colonial.

O profesor Alberto Matarán Ruiz, coordinador do volume 'Colonialismo Energético' (Nós Diario).
photo_camera O profesor Alberto Matarán Ruiz, coordinador do volume 'Colonialismo Energético' (Nós Diario).

—Unha das categorías que utiliza para explicar a elección da localización dos proxectos de renovábeis mesmo nas periferias da UE é a de colonialismo enerxético, a que se refire exactamente con ese concepto?

Esta categoría refírese a que o despregamento de megaproxectos de enerxía renovábel está a producirse en territorios específicos das periferias onde os custos de instalación son menores e onde a poboación é máis fácil de desposuír e de expulsar. Desta maneira están a crearse enclaves de produción que son sacrificados para que os grandes centros de consumo da península Ibérica e de Europa poidan manter os seus niveis de malgasto aínda que sexa de forma tremendamente ineficiente e non se resolvan os grandes problemas que xera a emerxencia climática, a utilización de combustíbeis fósiles e a enerxía nuclear. E todo isto está mediado por enormes desigualdades, por exemplo no consumo de enerxía, até o consumo medio dos territorios onde se produce a enerxía é até catro veces menor que o das rexións metropolitanas do Estado e por suposto que o de Europa.

Outra gran desigualdade típica dos procesos coloniais é que a produción, a distribución e o consumo están dominados por grandes corporacións cuxos beneficios non repercuten nos territorios periféricos sacrificados para a produción se non nos lugares centrais da economía global.

—Analiza no seu traballo diversas zonas do planeta que vostede cualifica de sacrificio polo modelo que presentan de implantación de renovábeis,  que características presentan en común todos estes territorios?

Tanto os territorios de sacrificio do sur global como os das periferias do norte global constitúen lugares de produción enerxética que será consumida en centros industriais e metropolitanos afastados, agudizando as relacións coloniais e as desigualdades que xa existen tanto a nivel global como a nivel dos Estados nación. Ademais, os actores principais do despregamento en moitos casos coinciden ou pertencen ao mesmo espectro de grandes corporacións en colisión cos poderes estatais.

Tamén é común o relato racista e neoliberal que considera os pobos do sur global e das periferias como cidadanía de segunda ou de terceira categoría cuxas vidas e territorios deben estar ao dispor da transición enerxética, aínda que a súa responsabilidade na crise climática e enerxética sexa mínima e aínda que os beneficios que poidan obter do despregamento de megaproxectos sexa moito menor que os impactos que van sufrir os seus bens comúns.

—Falaba agora ao impacto dos proxectos de renovábeis, particularmente no caso das instalacións eólicas. Cales son os seus efectos en materia de emprego e desenvolvemento das comunidades onde se emprazan?

Tanto o Banco de España como os informes das grandes corporacións certifican que o emprego xerado polos megaproxectos de enerxías renovábeis concéntrase no proceso de construción, é fundamentalmente precario, e ten moi pouca repercusión no territorio, como xa ocorreu con outras grandes obras públicas ligadas ao desenvolvemento dos encoros e á burbulla inmobiliaria. A mesma multinacional Naturgy recoñece só seis empregos directos por cada 100 MW de produción fotovoltaica, que ocuparían unhas 220 hectáreas de solo. A maioría das agriculturas que existen nas periferias, aínda sendo industriais e problemáticas, xeran máis emprego por hectárea no territorio.

Finalmente, todo isto agudiza os problemas de despoboamento das áreas periféricas de tal maneira que certificamos como os territorios de sacrificio seguen perdendo habitantes anos despois da instalación dos megaproxectos de enerxías renovábeis.

—Referíase anteriormente aos criterios aos que responden os proxectos eólicos e os territorios de sacrificio, esa lóxica sería a que explica que a Comunidade de Madrid non xera nin un só megawatt de orixe eólica e o seu Goberno non teña prevista ningunha instalación deste tipo no seu territorio?

Trátase da lóxica do colonialismo interno onde as periferias deben ser sacrificadas para abastecer os centros de consumo que absorben a poboación e o crecemento económico.

Isto agudízase aínda máis nesta transición enerxética corporativa baseada en megaproxectos de enerxía renovábel xa que existe pouco solo dispoñíbel na Comunidade de Madrid para construír grandes plantas unha vez descontados os espazos naturais e as áreas urbanizadas, do mesmo modo que ocorre con Gipuzkoa, Bizkaia, e Barcelona, onde tampouco hai apenas produción renovábel, e nestes lugares ademais os prezos do solo son moito máis altos.

O que si hai en Madrid son millóns de metros cadrados de tellados e áreas urbanizadas onde sería moi fácil e eficiente a instalación de paneis solares, pero claro, ás grandes corporacións e ás administracións que dominan non lles interesa que a produción estea distribuída e que a cidadanía, as pequenas e mediana empresas (pemes) ou mesmo as propias administracións sexan produtoras de enerxía limpa e barata

Do colonialismo enerxético aos territorios de sacrificio

Alberto Matarán Ruiz en parcería coa tamén profesora da Universidade de Granada, Josefa Sánchez, coordinou a edición do volume Colonialismo Energético, publicado pola editorial Icaria, onde explica o proceso de despregue das instalacións renovábeis como consecuencia da aplicación dunhas políticas coloniais na periferia. Matarán Ruiz sinala a Nós Diario que “o relato dominante da transición enerxética e a consideración dos pobos da periferia como atrasados e habitantes de territorios baleiros é unha continuidade do colonialismo interno do Estado español e da Unión Europea, que exercitan diferentes tipos de violencia, sobre todo administrativa e xudicial, para responder as resistencias que se están dando en moitos territorios de sacrificio”.  Nesta liña, aposta por un cambio de paradigma

Comentarios