EiDF acumula perdas de 87% nos dous días desde que volveu a bolsa

A solar galega perdeu uns 1.496 millóns de euros do seu valor total de 1.721,5 millóns antes da suspensión de cotización

Fernando Romero, director xeral de EiDF, durante o toque de campá na Bolsa de Madrid (Foto: BME Growth).
photo_camera Fernando Romero, director xeral de EiDF, durante o toque de campá na Bolsa de Madrid (Foto: BME Growth).

As accións da empresa galega especializada en enerxía solar EiDF caeron máis de 56% na súa segunda xornada no parqué despois de estar suspendida de cotización durante catro meses. A perda de máis da metade do valor da empresa (56,33% exactamente) aconteceu despois dunha xornada previa, antonte, na que EiDF deixou 70% do seu valor, o máximo permitido. Así, a solar galega perdeu uns 1.496 millóns de euros do seu valor total de 1.721,5 millóns antes da suspensión de cotización.

Desta maneira, cada acción da solar galega fechou a xornada de onte cun valor de 3,90 euros, o que significa que a firma perdeu en dous días case 87% da capitalización con respecto aos 29,76 euros aos que cotizaba cada unha das participacións antes da súa volta a bolsa.

En concreto, os títulos do grupo especializado en autoconsumo fotovoltaico fecharon a sesión a un prezo de 8,93 euros por acción, o que supón un descenso de 69,99% con respecto aos 29,76 euros por título nos que viu detida a compañía a súa cotización cando foi suspendida en abril pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Na mañá desta terza, as accións de EiDF, que cotizan no BME Growth, abrían á alza, aínda que pouco despois volvían retomar a senda de caídas.

A CNMV acordou a semana pasada levantar a suspensión cautelar que pesaba sobre a compañía. A decisión do supervisor de permitir o seu regreso ao mercado produciuse tras porse ao dispor do público información suficiente respecto das circunstancias que aconsellaron a adopción do acordo de suspensión.

Dita información inclúe as comunicacións de información privilexiada realizada desde a data da suspensión pola propia sociedade e o requirimento adicional da CNMV.

Non dar ao mercado unha información completa

O supervisor acusou a EiDF Solar de non dar ao mercado unha información completa, omitindo o resumo executivo do informe forense realizado por Deloitte, e de levar a cabo "omisións moi relevantes".

A pasada quinta feira, a CNMV fixo público un requirimento que remitiu á compañía o pasado 21 de agosto no que lle comunicaba que a información que presentou a empresa no seu momento, coas súas contas reformuladas despois de máis de catro meses suspendida de cotización, era incompleta e podía "inducir a confusión ao público".

Neste escrito, o organismo presidido por Rodrigo Buenaventura advertía á empresa dirixida por Fernando Romero de que o informe forense de Deloitte incluía un relato de feitos e evidencias "de gran transcendencia" para os accionistas de EiDF.

Deles, destacaba as evidencias de "posíbel falseamento de documentos por parte da compañía, dada a súa especial relevancia". En relación con iso, engadía que PwC, o auditor das contas do grupo, tivera en conta este informe no seu traballo, "que se materializou, entre outros aspectos, nunha limitación ao alcance da súa opinión de auditoría, dadas as debilidades de control interno identificadas no informe nestas materias".

Hai dúas semanas, EiDF presentou as súas contas reformuladas correspondentes ao exercicio 2022. O grupo, debido ás discrepancias con PwC, non puido presentar as súas contas do pasado exercicio dentro do prazo legal, que expiraba a finais dese mes de abril, e contratou, posteriormente, os servizos de Deloitte para levar a cabo "unha investigación tendente a analizar e a solicitar evidencias relativas a incidencias e/ou discrepancias" mantidas con PwC no proceso de auditoría das súas contas do ano pasado.

Tras a presentación destas contas, a CNMV premeu, nun escrito de requirimento, a EiDF para que, "canto antes" e non máis tarde das 8 horas do pasado 24 de agosto, publicase a información adicional solicitada e o contido íntegro do resumo executivo do informe forense.

A compañía non atendeu a petición da CNMV en prazo, polo que o supervisor procedeu a realizar un requirimento de información adicional.

"Creado, modificaron ou falsearon" documentos

En concreto, a información requirida pola CNMV versaba sobre feitos como que no informe se falaba de que "nalgunhas das actividades e operacións con terceiros analizadas identificáronse situacións nas que se crearon, modificaron ou falsearon documentos".

Así mesmo, sinalábase que todos os debedores incluídos no alcance do informe presentaban "unha vinculación directa e indirecta con Fernando Romero, o máximo accionista do grupo, e que, segundo o informe, "identifícanse numerosas incidencias relativas, entre outras cuestións, a facturas e pagos por servizos que poderían non prestarse ou non estar xustificados, así como á falsificación de documentos".

Neste sentido, referíndose ao informe, advirte de que algún debedor "emitiría facturas que non se corresponderían con servizos efectivamente prestados, polo que poderían tratarse de facturas falsas".

Igualmente, a CNMV solicitaba información respecto a posibles discrepancias entre custos rexistrados en contabilidade e o grao de avance real da obra recollidas no informe.

Comentarios