A xustiza declara a empresa Ganomagoga en concurso de acredores

No auto, contra o que cabe presentar recurso, a maxistrada tamén declarou a apertura da fase de liquidación e acordou a disolución das mercantís e o cesamento dos administradores.
Persoal de Canomagoga durante unha mobilización da CIG (Foto: Nós Diario).
photo_camera Persoal de Canomagoga durante unha mobilización da CIG (Foto: Nós Diario).

O Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra declarou conxuntamente en concurso voluntario de acredores ás entidades Talleres Ganomagoga, Aplicacións Metálicas de Galicia, Ganomagoga Logistics e Cedval Marine Solutions.

Esta declaración supón, segundo consta no auto, "a tramitación coordinada dos mesmos, sen consolidación de masas, conservando, con todo, numeración independente, a modo de pezas separadas".

Por tanto, as facultades de administración e disposición da concursada sobre o seu patrimonio fican suspendidas, sendo asumidas pola administración concursal, que deberá presentar un informe por cada sociedade, determinando a masa activa e pasiva de cada unha delas.

No auto, contra o que cabe presentar recurso, a maxistrada tamén declarou a apertura da fase de liquidación e acordou a disolución das mercantís e o cesamento dos administradores.

No que respecta ao persoal, recolle que as sociedades respecto das cales se formula a presente solicitude de concurso iniciaron os trámites para a extinción colectiva dos contratos de traballo, "non constando a existencia de acordo até a data", nun auto que está datado este mesmo 29 de marzo.

A pasada segunda feira, o comité de empresa de Talleres Ganomagoga presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo polo "fechamento patronal" da empresa tras cambiar a compañía as fechaduras "sen aviso previo".

Mobilizacións

O cadro de persoal de Ganomagoga con centros de traballo en Ponteareas, Mos, O Porriño e Vigo, mobilizouse hai dúas semanas en defensa dos seus empregos tras a presentación dun ERE extintivo para os arredor de 200 traballadores do grupo de empresas.

Ao mesmo tempo, a representación sindical rexistrou un escrito solicitando o “apoio do Goberno local [de Ponteareas] e de todos os grupos políticos presentes na corporación municipal”, indicou a Confederación Intresindical Galega (CIG).

Comentarios