A Xunta pide máis tempo a Pemex para que Barreras poida reunir os avais

O 18 deste mes finaliza o prazo para depositar os avais financeiros que permitan optar a construir os floteis de Pemex. E o estaleiro Barreras, recén saído dun concurso de acreedores, non ten aínda os avais. A Xunta pide máis tempo a Pemex para que este estaleiro poida reunilos.
Pemex
photo_camera Pemex

Pemex e o conto de nunca acabar. Van alá 10 meses desde que Feijóo anunciase un preacordo con Pemex para "reactivar o naval galego". Fora o 18 de abril, desde México, onde Feijóo se atopaba como parte do séquito de Mariano Rajoy na súa visita oficial ao país centroamericano. Un preacordo que axiña se concretaría e sería unha realidade. Xa en outubro, en plena campaña electoral, Feijóo tiraba de chisteira e sacaba o coello de dous floteis para Pemex a construir en Galiza, un en Ferrol e outro en Vigo. Era algo feito, dixeron os populares. Mais desde México, directivos de Pemex e cargos políticos (a multinacional ten participación do estado) encargáronse de lembrar que non era tal. Que había que ir a concurso con outras ofertas.

Agora, en febreiro, a Xunta vén de pedir a Pemex máis tempo. O 18 deste mes finaliza o prazo para presentar os avais financeiros e Barreras, o estaleiro vigués que ía construir un desde buques, non os ten aínda. O estaleiro hai pouco que saíu dun concurso de acreedores. 

Feijóo e Caballero

Feijóo afirmou que o importante, porén, era que os dous se construisen en Galiza. E se os dous se tiñan que facer en Ferrol, pois faríanse. Algo que xa aproveitou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, para pór o berro no ceo: "Primeiro Feijóo lévanos a caixa de aforros e agora quere levarnos o naval".

Mentres, o naval xa prepara novas mobilizacións. Esta cuarta feira, en Compostela, haberá unha manifestación de delegados do sector naval de Ferrol e comarca, fartos dos incumprimentos do PP, tanto a respeito do dique flotante como de Pemex.



Comentarios