A prensa mexicana afirma que os buques de Pemex prometidos ao naval galego construiranse no seu país

O BNG exixe ao presidente da Xunta que entregue no Parlamento galego o acordo coa multinacional mexicana

O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado Fernando Branco Parga, esixe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que faga público o acordo asinado no pasado mes de Maio con Pemex para a contratación de buques nos asteleiros galegos.

Branco Parga lembra que dende o anuncio de Feijóo na Cámara galega só hai “declaracións de intencións” por parte da Xunta, mentres nos medios de comunicación mexicanos aparecen distintas informacións nas que se fala de que os buques se van construir en México.

Os periódicos afirman textualmente: "O Goberno deu marcha atrás na súa pretensión de mandar construir barcos en Galicia, e agora as naves faranse en estaleiros mexicanos"

"Marcha atrás"

Neste sentido, diversos xornais de México recollen que o goberno Federal "deu marcha atrás na súa pretensión de mandar construir barcos en Galiza, España, e agora as 21 naves faranse en estaleiros mexicanos", citando as declaracións do vicepresidente nacional da Cámara Mexicana da Industria do Transporte Marítimo, José Manuel Urreta Ortega.

Neste sentido, cómpre lembrar que a multinacional Pemex está participada polo Estado mexicano, de aí a importancia das declaracións dos representantes do goberno.

O deputado nacionalista advirte da preocupación que está xerando tanto confusión entre unhas declaracións e outras, polo que considera que é necesaria “prudencia” e “transparencia” por parte do goberno galego.

Prudencia para non dar por feito uns contratos que pode que non se materialicen, frustrando as espectativas do sector ante unha posíbel saída á situación de crise que atravesan, e transparencia porque é obriga do executivo cumprir co regulamento da Cámara e entregar a documentación do acordo con Pemex, tal e como lle solicitou formalmente o BNG

Resposta da Xunta: Todo segue igual

A Xunta saiu ao paso da iniciativa do BNG, para salientar "que o compromiso da petroleira mexicana Pemex coa Xunta de Galicia continúa avanzando, tal e como se anunciou tras o convenio asinado polo presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, e o director xeral da compañía, Juan José Suárez Coppel, na súa visita a Galicia".

Neste sentido, o oberno galego salienta que as noticias sobre unha contratación de 21 buques en México "non interfiren no acordo asinado con Galicia, xa que corresponden a un concurso internacional convocado por unha filial da petroleira mexicana para desenvolver outras construcións navais".

Ligazóns a medios mexicanos que informan de que os buques construiranse no seu país:

http://www.diarioaz.com.mx/index.php?option=com_content&view=article&id=23362:construiran-barcos-de-pemex-en-astilleros&catid=5:general&Itemid=12

http://www.clarinveracruzano.com/se-construiran-21-embarcaciones-para-astilleros-mexicanos

http://www.t21.com.mx/news/news_display.php?story_id=16410

Comentarios