A empresa IberBlue Wind prevé instalar dous grandes parques eólicos mariños entre Galiza e Portugal

Unha vez operativos, estes dous parques serían o primeiro proxecto transfronteirizo de eólica mariña flotante do sur de Europa.
Proxecto de eólica mariña de IberBlue Wind (Foto: IberBlue Wind).
photo_camera Proxecto de eólica mariña de IberBlue Wind (Foto: IberBlue Wind).

A empresa IberBlue Wind proxecta dous parques eólicos mariños na costa noratlántica limítrofe entre Galiza e Portugal que sumarán unha potencia instalada de 1,96 xigawatts (GW), informou a compañía, que sinalou que o investimento global que require a construción e mantemento destes proxectos podería superar os 4.000 millóns de euros.

En concreto, os proxectos bautizáronse cos nomes de 'Juan Sebastián Elcano' e 'Creoula', polos buques escola das Armadas española e portuguesa. En conxunto, contarán con 109 turbinas e ocuparán unha superficie de 530 quilómetros cadrados fronte ás costas do Baixo Miño, nas comarcas do suroeste galego, e Viana do Castelo.

A promotora de proxectos renovábeis, unha 'joint venture' formada pola irlandesa Simply Blue Group e as españolas Proes Consultores e FF New Energy Ventures, xa presentou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico o Documento Inicial de Proxecto (DEP) do futuro parque 'Juan Sebastián Elcano', unha análise preliminar que recolle as súas características técnicas e viabilidade.

Unha vez operativos, estes dous parques serían o primeiro proxecto transfronteirizo de eólica mariña flotante do sur de Europa.

Parques eólicos

'Juan Sebastián Elcano' estará integrado por 29 turbinas, de 18 megawatts (MW) cada unha, o que suporá unha potencia nominal de 522 MW. Desta forma, o proxecto contribuirá ao obxectivo do Goberno español de alcanzar unha produción de 1-3 GW de enerxía eólica mariña instalada para 2030.

A compañía indicou que os aeroxeradores, emprazados sobre plataformas flotantes ancoradas ao leito mariño, estenderanse ao longo de 117 quilómetros cadrados fronte ao litoral que vai desde As Mariñas até A Guarda, e a unha distancia de entre 20 e 35 quilómetros da costa.

Pola súa parte, 'Creoula' disporá dunha potencia instalada de 1.440 MW, producida a partir de 80 turbinas con 18 MW cada unha. O parque abarcará unha superficie de 413 quilómetros cadrados, nos cales se distribuirán os aeroxeradores cunha distancia da costa de entre 20 e 40 quilómetros cadrados.

Comentarios