A emigración xuvenil maquilla o paro rexistrado en maio

O número de persoas que sairon das listaxes de desemprego en Maio duplica as altas na Seguridade social. A chave está na emigración. Académic@s e sindicatos coinciden en que a saída de moz@s na procura dun posto de traballo contribúe significativamente á queda dos rexistros do INEM

En concreto citan "os arredor de 77.000 mozos e mozas galeg@s de 15 a 35 anos que tiveron que emigrar entre 2009 e 2012", advirten desde a Confederación Intersindical Galega. A saída de milleiros de rapazas e rapaces na procura dun emprego influíu "de maneira notábel" na queda do paro rexistrado publicado esta terza feira. 

Desde o PSdeG, o portavoz parlamentar, Abel Losada, fixo fincapé en que os dados coñecidos en relación ao desemprego ocultan esta realidade e sinalou que se se pon en relación "o número de persoas que abandonaron as listas do paro" coas rexistradas na Seguridade Social observamos que hai o dobre de saídas que de afiliacións. Isto, apuntou, débese á emigración que está a padecer o noso país. 

O secretario confederal de emprego da CIG, Miguel Malvido, preguntouse, após facérense públicos os índices de desemprego rexistrado en maio, "cal serían as cifras reais" de se contabilizaren "todas estas persoas". Entre 2002 e 2011 máis de 124.000 moz@s abandonaron o noso país con faixas de idade entre os 18 e os 34 anos, unha realidade que desde a CIG aseguran "evitan que a Galiza teña unha taxa de paro idéntica á do Estado".

Comentarios