A caída do paro, en termos desestacionalizados, é mínima

Os datos de paro rexistrado tirados do mes de maio deixan un descenso do 2,26% na Galiza. Hai 6.573 desempregad@s menos que en abril pero 7.278 máis que hai un ano. A queda do paro ten un fortísimo componente estacional. No Estado, o paro desestacioanalizado cae só en 265 persoas.

O Ministerio español de Traballo publicou esta terza feira as cifras de paro rexistrado no pasado mes de maio. Por vez primeira após cinco meses en aumento, o Estado español reduce o número de desempregad@s rexistrad@s (4.890.928). 

No país, as cifras de parad@s sitúanse 2,26 puntos por baixo do mes de abril, ficando o número de persoas na procura dun posto de traballo en 283.886. De entre elas, 19.670 son moz@s menores de 25 anos.

Por provincias, Pontevedra e Lugo sofren a caída maís acusada reducíndose nun 2.81% e 2.51%, respectivamente. A Coruña (-1.69) e Ourense (-2.1) baixan en número de desempregad@s aínda que de maneira menos significativa. 

Aumentou paro interanual

A cifra de desempregad@s baixa lixeiramente en maio pero contabilízanse 7278 persoas máis que no mesmo mes de 2012. Menor contratación indefinida e aumento dos contratos temporais apuntan a que se trata de emprego estacional.

Desde a CIG apuntan que o que si aumentou notábelmente foi o número de contratos (rexistrándose un total de 56.000), aínda que as cifras de contratación indefinida seguen a baixar ao tempo que se incrementan os contratos temporais. De feito, pasouse do 9% de contratos indefinidos rexistrado en abril ao 7,6% no mes de maio. Isto, sumado a que maio é un mes no que tradicionalmente se produce unha baixada do paro, fai pensar que se trata de emprego estacional.

Comentarios