Os impostos poderán pagarse a través de 'Bizum' en 2023

A Xunta fará efectiva a medida no segundo trimestre do próximo ano.
Teléfono móbil coa aplicación de pagamento online. (Foto: Bizum)
photo_camera Teléfono móbil coa aplicación de pagamento online. (Foto: Bizum)

A Xunta facilitará á cidadanía o cumprimento dos deberes tributarios mediante a plataforma de pagamento Bizum. Para facelo posíbel, a Axencia Tributaria da Galiza (Atriga) vén de iniciar o proceso de contratación do servizo que permitirá incorporar aos actuais medios de pago da Administración o uso de Bizum.

Deste modo, a iniciativa permitirá que, a partir do segundo trimestre de 2023, os cidadáns e cidadás poidan utilizar este sistema para realizar o pagamento dos ingresos xestionados pola Atriga como as taxas, o Imposto de Sucesións e Doazóns ou o Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados.

A Axencia Tributaria galega xa universalizara en 2021 a posibilidade de que calquera persoa puidese abonar en liña, a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito, todos os ingresos xestionados pola mesma, para non ter que desprazarse ás oficinas bancarias.

A isto cómpre engadir que, desde febreiro deste ano, tamén se pode pagar fisicamente nas cinco delegacións territoriais da Atriga, no momento de presentar o imposto de maneira física. Os datos no que vai de ano reflicten máis de 252.000 operacións.

Por outra parte, desde o pasado xuño implantouse o pagamento de débedas mediante xiro postal.

Todas estas medidas enmárcanse nas actuacións a desenvolver pola Axencia Tributaria da Galiza para reforzar e avanzar na información e simplificar a asistencia a toda a cidadanía.

Comentarios