Que é unha empresa 'zombi'? Na Galiza hai máis de 3.000

Por outra parte, hai un total de 51.000 sociedades sen actividade.
O sector da construción e inmobiliario é onde máis abundan. (Foto: Luján / Europa Press)
photo_camera O sector da construción e inmobiliario é onde máis abundan. (Foto: Luján / Europa Press)

A Galiza rexistra 3.361 empresas 'zombis' e un total de 51.433 compañías que non teñen actividade comercial e que, ademais, non publican as súas contas. As 3.091 empresas 'zombis' representan 7,2% do total das que hai no Estado español mentres que as sen actividade son 4,1%.

Que é unha empresa 'zombi'?

A OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos) define as empresas 'zombis' como as empresas de máis de 10 anos de existencia e que non cobren a súa carga de intereses co seu excedente bruto de explotación durante polo menos tres anos consecutivos. É dicir, que non son quen de cubrir os gastos financeiros cos seus resultados.

Rexistro mercantil

A isto engádese as empresas rexistradas no Rexistro Mercantil, que non desenvolven actividade comercial e que, ademais, non publican contas. Máis de 51.000 na Galiza.

Por sectores, construción e actividades inmobiliarias e o de comunicacións son os que acumulan unha maior cantidade de 'empresas zombis', que non poden cubrir os seus gastos cos seus ingresos, con 19% e 18% do total, en particular aquelas que se dedican á actividade inmobiliaria e a informática. Comercio é o seguinte, cun 17%.

Os sectores con menor número de compañías nesta situación son administración (0,03%), industrias extractivas (0,36%), educación (1,43%), e sanidade (1,61%). En hostalaría atópase 4%, case todas na rama de servizos de aloxamento.

As microempresas supoñen 91% das empresas 'zombis' detectadas e son máis numerosas nas actividades inmobiliarias e informáticas. 

Microempresas

As microempresas, aquelas mercantís con menos de 10 traballadoras e traballadores, son ampla maioría no tecido empresarial da Galiza. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), de 245.660 compañías con enderezo social na Galiza, 167.160 carecen de persoal asalariado.

Comentarios