Galiza-Panamá

ENQUISA | O XI da Irmandiña: quen deberían formar a liña defensiva?

As persoas lectoras de 'Nós Diario' elixen o mellor XI da Irmandiña. Cada día, unha nova enquisa.

Buscamos a liña defensiva ideal para a Irmandiña. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Buscamos a liña defensiva ideal para a Irmandiña. (Fotos: Europa Press)

Volve a Irmandiña, volve o equipo nacional da Galiza. O vindeiro 31 de maio unha selección capitaneada polo adestrador Diego Martínez, e en Nós Diario buscamos o XI ideal. Para iso, tal e como fixemos o pasado mes de agosto para conmemorar o centenario do Real Club Celta, as lectoras e lectores serán quen decidan quen son os mellores futbolistas para cada posición. Cada día publicarase unha nova enquisa no xornal para elixir os xogadores, e esta sexta feira, após elixiren o porteiro, as lectoras formarán a súa liña defensiva ideal, partindo dun esquema 1-3-4-3.

Carlos Domínguez

O pasado curso, cando o Celta estaba ao bordo do descenso e precisaba vencer na casa ao Barcelona para manter a categoría, Carlos Carvalhal confiou en Carlos Domínguez para frear o ataque culé. E non defraudou. Agora o central vigués é un fixo no esquema de Claudio Giráldez e esta tempada suma xa 24 partidos disputados entre Liga e Copa.

Rober Pier

Aos seus 29 anos, o oleirés Rober Pier, formado na canteira do Deportivo, tornou este ano nun piar fundamental dun Sporting de Xixón que está aínda loitando por entrar no play-off de ascenso a Primeira. Ás súas costas, seis tempadas disputadas na máxima categoría cos branquiazuis e o Levante.

Pablo Insua

E con Pier compartiu boa parte das aliñacións do Sporting no presente curso o arzuán Pablo Insua, de 30 anos, tamén saído de Abegondo. No seu historial conta cunha ampla experiencia en Primeira e Segunda.

Ricardo Rodríguez

Malia nacer en Suíza, a Ricardo Rodríguez úneo o seu sangue á Galiza, pois o seu pai é natural de Crecente (A Paradanta). Actualmente xoga no Torino italiano, onde desde 2020 é un dos indiscutíbeis na zaga, e disputou co combinado helvético o Mundial en tres ocasións —2014, 2018 e 2022—.

Hugo Bueno

Do Areosa á Premier case sen pestanexar. O vigués Hugo Bueno, de 21 anos, foi pouco a pouco gañando protagonismo nos Wolves até se converter este curso nun dos seus xogadores franquía como carrileiro. Acumula 26 partidos e un gol.

Angeliño

José Ángel Esmorís, Angeliño, natural de Coristanco, leva anos destacando na elite do fútbol europeo. Após formarse na canteira do Manchester City pasou polas ligas española, neerlandesa, alemá, turca e agora, desde o pasado xaneiro, a italiana, da man dunha Roma na que é titular.

Álvaro Carreras

O ferrolán Álvaro Carreras, de 21 anos, comezou a tempada despuntando no Granada e chamou a atención do Benfica, que se fixo con el no mercado de inverno perante unha cesión con opción de compra negociada co Manchester United, aínda propietario dos seus dereitos. En Portugal tornou en indispensábel para o lateral esquerdo.

Jonny Otto

O vigués Jonny Otto marchou en 2018 á Premier para converterse nun dos ídolos da bancada do Wolves, se ben as lesións non o trataron ben e foi perdendo fol co paso dos anos. En xaneiro abandonou o equipo após ser apartado por indisciplina e desde entón é un fixo no PAOK grego, que vén de proclamarse campión do campionato ligueiro.

Comentarios