Galiza-Panamá

O XI da Irmandiña: quen sería o mellor porteiro para a selección galega?

As persoas lectoras de 'Nós Diario' elixen o mellor XI da Irmandiña. Cada día, unha nova enquisa.
Buscamos o mellor porteiro para a Irmandiña. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Buscamos o mellor porteiro para a Irmandiña. (Fotos: Europa Press)

Volve a Irmandiña, volve o equipo nacional da Galiza. O vindeiro 31 de maio unha selección capitaneada polo adestrador Diego Martínez, e en Nós Diario buscamos o XI ideal. Para iso, tal e como fixemos o pasado mes de agosto para conmemorar o centenario do Real Club Celta, as lectoras e lectores serán quen decidan quen son os mellores futbolistas para cada posición. Cada día publicarase unha nova enquisa no xornal para elixir os xogadores, comezando esta quinta feira por unha pequena escolma de porteiros.

Vanja Milinković-Savić

Se ben xa debutou en partido oficial coa selección nacional de Serbia, coa que disputou o Mundial de 2022, poderiamos considerar 'seleccionábel' para Galiza a Vanja Milinković-Savić, pois naceu en 1997 en Ourense, cando o seu pai, Nikola Milinković, defendía as cores do extinto CD Ourense. O porteiro xoga actualmente no Torino italiano, co que xogou esta tempada un total de 37 partidos entre Serie A e Coppa Italia.

Iván Villar

O cangués Iván Villar debutou hai sete anos na elite, se ben aínda non terminou de asentarse como titular do Celta. No presente curso disputou catro partidos de Copa e once de Liga, competición na que comezou de titular até que Vicente Guaita se fixo coa portaría en novembro.

Rubén Blanco

O mosense Rubén Blanco, o único gardameta galego que participou esta tempada en competicións europeas, tampouco logrou aínda arrebatarlle a titularidade a Pau López no Olympique de Marsella, unha camisola que vestiu en cinco ocasións na campaña 2023-24, e outras sete na anterior, entre Ligue 1, Copa, Europa League e Champions.

Diego Mariño

Após sete tempadas no Sporting de Xixón, club no que participou en máis de 200 encontros na categoría de prata, o vigués Diego Mariño marchou en 2022 ao Almería para competir en Primeira, mais no primeiro curso xogou un único partido e no actual dous, entre Liga e Copa.

Ian Mackay

Rematamos a nosa proposta co coruñés Ian Mackay, que en xaneiro pasado abandonou abruptamente un Deportivo no que fora titular indiscutíbel as dúas tempadas anteriores para marchar ao Eldense de Segunda División un equipo ao que chegou como suplente pero no que se fixo coa portaría nos últimos seis partidos, nun momento decisivo no que os de Elda loitan pola permanencia.

Outro

Se non che convence ningunha das cinco propostas, podes deixar a túa propia aposta para a portaría da Irmandiña na nosa enquisa.

Comentarios