Volve o Rally Ourense-Ribeira Sacra coa participación de Victor Senra

A proba que organiza cada ano a Escuadra Luíntra chega á súa X edición e mantendo o percorrido do ano anterior. 
Presentación do 10º Rally Ourense-Ribeira Sacra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Presentación do 10º Rally Ourense-Ribeira Sacra (Foto: Nós Diario).

Esta fin de semana o Campionato da Galiza de Rallys ten unha cita cunha das competicións máis emblemáticas do circuíto do motor no país: o Rally Ourense-Ribeira Sacra, II Memorial Roberto Soto. A proba, na súa décima edición, será puntuábel e percorrerá os concellos de Ourense, Pereiro de Aguiar, Maceda e Nogueira de Ramuín.

O primeiro treito terá lugar hoxe en Castro de Beiro e os seguintes serán o sábado cos tramos Maceda-Baldrei, A Tapada-Luíntra, Castro-Lobaces, e Melias-Luíntra, nun formato de dobre pasada moi atractivo para o público. 

En total serán nove treitos cronometrados por estradas asfaltadas e fechadas ao tráfico. Entre as dúas etapas e cinco seccións suman un total de 316,70 quilómetros, dos que 89,80 quilómetros son cronometrados. O parque fechado e o parque de traballo estarán situados en Luíntra, así como a dirección de carreira, instalada no edificio multiusos. A organización da proba agarda unha participación 110 equipos. 

Pilotos favoritos

Nesta edición do Rally de Ourense volve Víctor Senra xunto con José Murado tras estar ausente no Rally Pazo Tizón pola coincidencia coa realización da Copa de España.

O de Dumbría parte como claro candidato a facerse coa vitoria e sumar outra máis ao seu historial nesta proba, aínda que terá que ser con permiso do gañador da edición de 2016, Alberto Meira, que con Avelino Martínez mantéñense como líderes dunha tempada galega que se presenta moi igualada nestas últimas probas. Da mesma maneira, tamén tentarán estar en postos de cabeza, Manuel Fernández e Alex Cid, que regresan ao galego de Rallys aos mandos dun Skoda Fabia Rally2.

Ademais da maioría de habituais nas diferentes copas, Jorge González "Rantur" repite participación no Talbot Sumbeam, Iago Silva atópase inscrito cun Peugeot 208 R2 e "Toñito" López regresa tras a rotura do motor do seu Peugeot 106. 

Dez anos de historia

O Rally Ribeira Sacra realízase anualmente desde 2012 nos arredores do concello de Nogueira de Ramuín. Organizado pola Escuadra Luintra, só deixou de ter lugar en 2020 como consecuencia da pandemia da Covid-19.

Nas nove edicións anteriores, Víctor Senra foi o piloto máis laureado da proba, con tres vitorias (2018, 2019 e 2021), seguido de Iván Ares con dúas (2014 e 2015). Os outros gañadores foron Pedro Burgo (2012), Sergio Vallejo (2013) e Hiroki Arai ((2017).

Comentarios