A Irmandiña, a (re)conquistar Europa

O seleccionador galego de fútbol amateur publicou esta segunda feira os nomes dos 18 xogadores que buscarán ser, de novo, os reis do continente.
O combinado de Iván Cancela, busca brillar na Copa das Rexións (Foto: Futgal).
photo_camera O combinado de Iván Cancela, busca brillar na Copa das Rexións (Foto: Futgal).

A selección galega de fútbol afeccionado, a mellor do continente, como acredita a súa condición de vixente campioa da Copa das Rexións UEFA, comeza o camiño para lograr o seu segundo título.

Pouco menos de medio ano despois de facer historia após levantar o trofeo máis importante no eido amateur europeo nunha histórica final disputada no campo da Lomba (Vilagarcía de Arousa), a Irmandiña, que tamén é a vixente campioa de España, regresa á acción.

A Copa das Rexións UEFA terá o disparo de saída da súa edición 2023/24 o próximo 8 de decembro, sendo esta a décimo terceira vez que se leve a cabo unha competición de categoría internacional que se organizou por vez primeira na campaña 1998/99 e que anteriormente conquistaran o Véneto (2), a Baixa Silesia (2), Moravia, Piamonte, Castela e León, Braga, Euskadi, a Rexión Oriental de Irlanda e de Zagreb.  

Como é habitual, en primeiro lugar desenvolverase unha fase estatal que se estenderá até o domingo 10 de decembro e que terá como sedes Andalucía, Asturias, Castela A Mancha, o País Valenciano, Estremadura e a Galiza.

En concreto, o lugar escollido no país para albergar esta rolda inicial foi o Campo Federativo de Coia, en Vigo, onde a vixente campioa exercerá tamén como anfitrioa ante os combinados de Aragón e as Illas Canarias.

Con respecto aos horarios, todos os partidos terán lugar ás 12 horas da tarde, sendo o primeiro o Canarias-Galiza (8 de decembro), seguido polo Aragón-Canarias (9 de decembro) e fechando co Galiza-Aragón (10 de decembro).

Para avanzar á seguinte fase, a Irmandiña deberá rematar en primeira posición deste Grupo 'E' que adoptará un sistema de competición triangular ou, canto menos, chegar a ser unha das dúas mellores de entre os seis bloques totais.

Para logralo, o seleccionador galego, Iván Cancelo, facilitou esta segunda feira a listaxe de 18 convocados que comandarán a reconquista da Irmandiña, contando con Javi Liz e Mini Bugy en portería; Jesús Varela, Santi de Prado, Pablo Carabán, Antonio, Martín Sánchez e Cotilla en defensa; Fabio, Kopa, Diego Enjamio, Álex Rey e Pablo Goitia no medio do campo; con Félix Rial, Martín Diz, Cañi e Adri no ataque. 

Comentarios