A oficialidade das seleccións galegas, a debate no Parlamento

A Cámara galega discutirá a PNL promovida por Vía Galega o 1 de decembro  
Integrantes de Vía Galega entregaron esta cuarta feira as sinaturas no Parlamento. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Integrantes de Vía Galega entregaron esta cuarta feira as sinaturas no Parlamento. (Foto: Nós Diario)

A Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular (ILP) Polo dereito da Galiza a poder competir oficialmente coas súas seleccións deportivas, enmarcada na campaña que Vía Galega está despregando desde o pasado ano 2021 por todo o país baixo o lema "Galiza, un pobo, unha selección", chega á Cámara galega o próximo 1 de decembro.

O pasado 19 de outubro a plataforma social en defensa dos dereitos nacionais da Galiza entregaba no Rexistro do Parlamento 6.644 sinaturas recollidas no marco da devandita ILP, acreditando a Xunta Electoral como válidas 6.661 das mesmas o 11 do presente mes de novembro.

Desde ese momento, para que fose debatida no Hórreo era preceptivo que algún dos grupos parlamentarios a asumira como propia para a súa defensa, cousa que fixo o BNG, introducíndoa a Mesa do Parlamento na orde do día do 1 de decembro, rematando 24 horas antes, o 30 de novembro, o prazo para que os distintos grupos presenten emendas.

Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega, manifestou a Nós Diario o seu agradecemento ao BNG pola "gran receptividade" á súa proposta, "que asumiron como propia, e polo tanto grazas a iso vai na orde do día da Mesa para a súa defensa, do contrario non podería ser debatida, pois nin PP nin PSOE o fixeron, mais aínda están a tempo de emendar algún dos seus aspectos e votar ao seu favor, cousa que agardamos que así suceda porque son representantes dunha nación e como tal deben actuar".

Unha iniciativa "básica"

Para Louzao "unha iniciativa como esta debera ser tomada en consideración porque é moi básica, e porque a maioría do pobo galego se identifica con ela".

"Estamos vendo estes días como un feito natural que o País de Gales compita no Mundial. Por que non podemos ver alí tamén á nosa selección", pregúntase un portavoz de Vía Galega que defende a importancia de todos os puntos que abrangue a PNL, como son "o dereito a que os e as deportistas galegos compitan internacionalmente baixo a súa bandeira, a galeguización do deporte no eido da educación e a súa condición de elemento fundamental para promover e potenciar a igualdade de xénero".

Comentarios