‘Ventura’ e González logran o triunfo no Rallysprint de Piñor

Nesta edición participaron 83 equipos que competiron en pleno corazón de Piñor (comarca do Carballiño), nun día marcado polas baixas temperaturas a choiva e a neve.
Antonio Fernández ‘Ventura’ e Alberto González no Mitsubishi Lancer Evo X R4 (Foto: FGA).
photo_camera Antonio Fernández ‘Ventura’ e Alberto González no Mitsubishi Lancer Evo X R4 (Foto: FGA).

A tempada de automobilismo galega deu comezo esta fin de semana coa celebración do Rallysprint de Piñor, primeira proba puntuábel para o Campionato Xunta da Galiza de Rallysprint GT2i.

A carreira, realizada na súa totalidade na xornada do sábado, contou con 83 equipos na liña de saída en pleno corazón de Piñor (comarca do Carballiño), nun día marcado polas baixas temperaturas a choiva e a neve, que fixo acto de presenza en varios puntos do percorrido.

Sobre esas tan difíciles condicións climatolóxicas Adrián Vázquez e Melisa Lorenzo, aos mandos do Hyundai I20N, exerceron de vehículo 0. Milleiros de afeccionadas e afeccionados que se desprazaron até os dous treitos cronometrados puideron gozar dunha loita ao segundo entre os principais favoritos, que finalmente se decantou do lado de Antonio Fernández ‘Ventura’ que, copilotado polo asturiano Alberto González e no Mitsubishi Lancer Evo X R4, impúxose con tan só dous segundos a José Manuel Pazos ‘Mieres’ e David Calvo, no Ford Fiesta R2.

O terceiro chanzo do podio foi para Adrián Campaña e Manuel Raido, que se quedaron a pouco máis de oito segundos dos vencedores.

Completaron os cinco primeiros clasificados os pilotos Abel Pampillón e José Lage, aos mandos do Mitsubishi Lancer Evo X R4, e Antonio López Lence e Raquel Rodríguez, no Peugeot 106.

Desafío Kumho e proba Extra

Rubén López e José Ángel Fente foron os primeiros vencedores do Desafío Kumho Rallysprint, seguidos da parella Rubén Gandoy e Nicolás Meizoso xunto a Aitor Fornos e Adrián Díaz.

Entre os participantes da proba Extra (Trofeo Talleres Alonso), que non puntúan para a clasificación do campionato, primeiro posto para Alberto Otero e Jordan Vázquez, no Ford Fiesta WRC. O segundo posto foi para Jaime Pérez e Gonzalo Cardalda e o terceiro para José Antonio Groba e Daniel Castro.

Ademáis, o mellor dos participantes do Trofeo Piñor foi José Luis García, copilotado por José Antonio Teira. A segunda praza foi para Rodrigo Rodríguez 'Caixas' e Álvaro Paz e a terceira para Tito Moure e Avelino González.

A seguinte proba puntuábel para o Campionato Xunta da Galiza de Rallysprint GT2i será no mes de maio, concretamente o sábado 18 en Silleda (comarca do Deza).

Comentarios