Traiñeiras: Cabo peta na regala

A embarcación impúxose na XIII edición da regata contra-reloxo de Cabo de Cruz, con 30 segundos de diferencia sobre os segundos, Meira. Mugardos, terceiros.

traiñeira cabo

Cabo petou na regala (Táboa do extremo superior da borda dunha embarcación). Regata de domingo nun dos templos das traiñeiras de Galiza, as augas de Cabo de Cruz, na beira norte da Barbanza. Alí está un dos clubs que está a marcar o momento no remo galego, como ficou patente a temporada pasada coa súa volta pola porta grande á ACT, onde atinxiu a 4ª posición. Vogaba na casa e iso notouse desde o momento de saída, cun Cabo forte e firme durante os case 5.600 metros de regata. O resultado do esforzo: vitoria contundente da traiñeira de Cabo (19’ 44’’ 73’’’) na XIII edición da Regata Contra-reloxo, meténdolle 30 segundos de diferencia a Meira, segunda clasificada. Os de Meira compiten este ano na Liga ACT, onde completa o triplete galego con Cabo e Tirán, após vencer na Liga Galega de Traiñeiras-A.

O terceiro posto foi para Mugardos, tripulación que se impuxo na última regata de 2014 e na primeira de 2015, amosando que se toma moi a serio o de meter este ano a LGT-A no peto. A cuarta praza conquistouna a traiñeira de Mecos, un gran posto para un barco que demostrou que a LGT-B quédalle ‘pequena’.

Ares (sempre a máis a medida que se vai chegando o inicio temporada), Cabo de Cruz B (demostrando que podíane star na LGT) e Pobra (cun novo treinador que antes estivo en Tirán e Cabo, entre outros) acabaron quintos, sextos e 7º respectivamente. Os de Vilaxoán, oitavos.

Máis de 30 embarcacións vogaron entre as diferentes categorías nesta cita en augas de Cabo de Cruz. Como informa a LGT, entre as traiñeiras femeninas Cabo da Cruz entrou por diante de Pobra. Non foron as únicas mulleres que participaron xa que Samertolameu, Tirán e Mecos montaron barcos mixtos. No que atinxe aos veteranos o primeiro posto foi para Tirán, o segundo para Bueu e o terceiro para Rianxo.

Comentarios